18-F

Besteiro asegura que "enfermar é un problema" na Galiza e incide en limitar a espera en primaria

O candidato socialista comprometeuse a limitar a 48 horas a espera en atención primaria.
José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG. (Foto: Arxina)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este domingo que "enfermar" é un problema na Galiza debido á situación do sistema sanitairo, e comprometeuse a limitar a 48 horas a espera en atención primaria e a garantir unhas condicións dignas ás e os profesionais sanitarios.

O aspirante socialista a liderar San Caetano participou hoxe na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela, onde a súa formación marchou polas rúas detrás dunha pancarta co logo do partido na que se puido ler 'A sanidade pública: o noso dereito'.

Alí, ademais do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, púidose ver o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o responsábel de Organización, José Manuel Lage, e a cabeza de lista da canidatura pola Coruña, Patricia Iglesias, entre outros e outras dirixentes socialistas.

"Na Galiza lembramos cando chamabamos o médico de cabeceira e ao día seguinte atendíanos", dixo Besteiro, que asegurou que "hoxe con Rueda, o presidente ausente, e coa herdanza de Feixoo, a cita pódese demorar até 15 días".

Fronte a iso, enarborou o "compromiso" dos socialistas coa sanidade pública e prometeu limitar a 48 horas a espera en primaria, abrir os centros de saúde, contratar especialistas en saúde mental, garantir pediatras para todos os nenos e nenas e unhas condicións laborais dignas para os profesionais sanitarios.

Ademais, preguntado pola presenza de todas as candidaturas da esquerda que concorren ás eleccións galegas do próximo 18 de febreiro na manifestación, nunha xornada na que Rueda acusou a oposición de organizar a protesta, Besteiro incidiu en que o problema na Galiza non é manifestarse, senón "enfermar".

Comentarios