Besteiro acusa Rueda de crear "un novo chiringuito" para a xestión dos recursos naturais

Segundo indicou Besteiro, a creación deste novo ente "opaco" evidencia que o presidente galego "non sabe xestionar" a riqueza "evidente" da Galiza como territorio enerxético.
José Ramón Gómez Besteiro, á esquerda, esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, á esquerda, esta segunda feira (Foto: Nós Diario).

O candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, acusou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, de crear "un novo chiringuito" para a xestión dos recursos naturais galegos, en alusión á sociedade mixta de xestión constituída o pasado 13 de novembro.

Así o manifestou o representante socialista, tal e como informou o PSdeG nun comunicado, tras asistir en Madrid ao xantar informativo protagonizado polo candidato do Partido Socialista de Euskadi (PSE), Eneko Andueza.

Segundo indicou Besteiro, a creación deste novo ente "opaco" evidencia que o presidente galego "non sabe xestionar" a riqueza "evidente" da Galiza como territorio enerxético, e que "ademais ten que pensar tamén na protección do territorio".

Así mesmo, o socialista lamentou que esta entidade non soporta a comparación co Ente Vasco de Enerxía, que é un "modelo de empresa pública que defende ben os intereses do país". O tamén deputado no Congreso español advertiu que cando se fan comparacións entre os Gobernos vasco e galego evidencian que a Rueda fáltalle impulso e ambición na xestión da Xunta.

Besteiro defendeu o papel do socialismo vasco para impulsar os avances despregados en Euskadi, e que son "un bo exemplo" do que o PSdeG quere na Galiza. Ademais, reivindicou os "grandes acordos" en materia de educación, vivenda ou en industria, onde "o peso dos socialistas foi significativo".

Así o dixo esta segunda feira no xantar informativo co secretario do PSE organizado polo Fórum Europa, no que estivo acompañado pola ministra de Educación, Formación Profesionais e Deportes e portavoz do Executivo español, Pilar Alegría; a de Facenda, María Jesús Montero; o de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas; a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez; así como a de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant.

Máis en POLÍTICA
Comentarios