Quen é a persoa que vai dirixir a sociedade mixta de Xunta e 33 empresas para proxectos enerxéticos?

Emilio Bruquetas, de director xeral de Reganosa a conselleiro delegado da sociedade constituída esta semana. 

Emilio Bruquetas
photo_camera Emilio Bruquetas (Foto: Impulso Galiza)

Impulsa Galiza concluíu un proceso de avaliación para seleccionar o perfil máis idóneo para dirixir a sociedade mixta Recursos de Galiza (RDG), recentemente creada pola Xunta e 33 empresas privadas para “favorecer a maximización da repercusión no territorio do valor xerado polos recursos naturais galegos, a competitividade dos prezos enerxéticos e a descarbonización da economía”.

O resultado deste proceso foi a proposta de designación de Emilio Bruquetas Serantes como conselleiro delegado da entidade, un nomeamento que deberá acordar e formalizar o consello de administración da compañía.

Primeiro como membro do comité de expertos económicos que asesorou a Xunta na recuperación pospandémica e logo como conselleiro e directivo de Impulsa Galiza, Bruquetas estivo vinculado a este proxecto desde os seus primeiros pasos, lembran desde Impulsa.

Nado en Compostela en 1974, Bruquetas incorporouse a Reganosa como xefe de Planificación e Control de Xestión e en marzo de 2012 foi nomeado director xeral da compañía, cargo que ocupou desde finais de 2017 até hai uns días tamén na matriz do grupo enerxético: Reganosa Holdco.

Participou, igualmente, nos órganos de administración de Reganosa Servizos e presidiu tanto Reganosa Malta como Reganosa Ghana, do mesmo xeito que Reganosa Italia e Reganosa Alemaña.

Un total de 33 empresas e a Xunta formarán parte da sociedade mixta para impulso de proxectos relacionados coa produción de enerxía, mineiros e que requiren concesión de auga, cun calendario programado de desembolso desde hoxe até 2027 de 100 millóns de euros de capital, dos que a Xunta achegará 30%

En concreto, o accionariado compono, canda a Xunta, Abanca, unha sociedade vehicular de Megasa e Finsa, outra sociedade de Copasa, Valtalia e Gesuga e unha terceira de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira-Jealsa, Profand e Grupo Revi. Tamén están Gadisa, Exlabesa, Ence Terra, ARP Global, Ain Active, Viúva de Severiano Castro e Fillos, Wind1000, Epiafnio Campo, Aceites Abril e Megaro Foods. Completa o accionariado unha sociedade vehículo de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas, Eroxona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal.

Comentarios