A Xunta rexeita retirar a lei de recursos naturais e engade que a sociedade mixta "tamén é imparábel"

O BNG censura o "capitalismo de amiguetes" no marco dun modelo "lesivo" que "cada vez ten máis contestación".

María Jesús Lourenzá e Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera María Jesús Lourenzá e Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lourenzá, rexeitou retirar o anteproxecto de lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais sda Galiza, como pide o BNG e tamén a CIG. Ademais, subliñou que a sociedade mixta con participación da Xunta e 33 empresas, entre elas Abanca, Ence e Finsa, "tamén é imparábel".

Pola súa parte, no pleno do Parlamento, a portavoz da formación nacionalista no debate, Noa Presas, cargou contra o "capitalismo pepero" e "de amiguetes" no marco dun modelo "lesivo" que, advertiu, "cada vez ten máis contestación".

Nunha interpelación á conselleira, a deputada censurou que, a pesar de atoparse o anteproxecto en fase de ditame por parte do Consello Económico e Social (CES), "xa están a actuar e creando os instrumentos", precisamente pola sociedade mixta, que presentou recentemente o Goberno galego.

"Están desatados e non llo imos a consentir. Hai unha maioría social contestando o modelo lesivo do PP. Esta chapuza non se pode permitir", aseverou, antes de cualificar a lei de "mal lavado de cara verde" e esixir á conselleira "que rectifique".

Lourenzá contestou que o modelo enerxético do PP "baséase nun marco que permite e así se regula o desenvolvemento de infraestruturas eléctricas cun respecto total ao medio ambiente" e ademais reivindicou que os proxectos "se avalían de forma rigorosa".

"Non imos retirar o proxecto de lei (...) Claro que non. Teñen que facerse unha idea de que contaremos con esa lei", recalcou, antes de mostrarse "moi orgullosa" pola norma, que creará, dixo, un "marco normativo innovador".

O actual modelo, coa sociedade mixta, segundo reivindicou a titular de Economía, "vai permitir conseguir enerxía con prezos competitivos". "Os nosos recursos, ao noso servizo. Deberían sumarse á maioría, saír desa zona de confort e apoiar que os nosos recursos estean ao noso servizo, ao servizo dos galegos e non dunha ideoloxía", destacou a responsable autonómica.

Neste sentido, indicou así mesmo que desde que se presentou a sociedade (denominada Recursos de Galiza) "hai moitas empresas que xa se interesaron por formar parte dela". Coa participación da Xunta "ten garantido o interese público" e ademais "non está politizada, non está ideoloxizada", afirmou María Jesús Lourenzá.

Comentarios