18-F

Beiras e Noriega súmanse á campaña do BNG e participan nun acto con Pontón

Os tres participan esta sexta feira en Compostela nun coloquio que modera a directora de ‘Nós Diario’, María Obelleiro

Ana Pontón (BNG) y Martiño Noriega (A Nova), con Beiras detras, tras firmar acuerdo para candidatura conjunta a elecciones autonómicas 18F
photo_camera Ana Pontón e Xosé Manuel Beiras na sinatura do acordo entre o BNG e Anova o pasado mes de xaneiro (Foto:; Europa Press)

Xosé Manuel Beiras e o actual portavoz de Anova, Martiño Noriega, implícanse na campaña do BNG e participarán coa súa candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, nun acto esta sexta feira en Compostela. Será a partir das 17:30 horas no Hotel Compostela e moderado pola directora de Nós Diario, María Obelleiro.

"O vindeiro venres, en formato 'desenchufado', o irmán Beiras e eu estaremos á beira de Ana en Compostela, alentando ventos de cambio para o noso país", publicou na súa rede social Martiño Noriega esta cuarta feira, así como as contas oficiais de ambas as formacións, baixo o epígrafe 'Polo cambio galego!'.

Toma concreción así o acordo asinado o pasado 14 de xaneiro entre o BNG e Anova e polo cal, entre outras cuestións, desde a Irmandade Nacionalista chamábase a concentrar o voto en Ana Pontón de cara ao 18-F

A petición de voto para o BNG, por parte de Anova xa fora explicitada para as eleccións estatais de 23 de xullo do ano pasado; mais nesta ocasión esa petición enmárcase nun acordo entre ambas as dúas formacións.

En abril de 2022, nun artigo publicado en Nós Diario, o propio Beiras afirmaba: "Cometimos erros irreparábeis na necesaria combinación do combate institucional coa loita social, calculamos mal a fiabilidade de determinados aliados tocantes á asunción do proxecto estratéxico, non soubemos gobernar a xeito a contradición nacional na acción conxunta con forzas da esquerda española -ao cabo desleais- nas Cortes do estado, e finalmente non fomos quen de coutar os desencontros, primeiro, e liortas, despois, entre sectores e cadros políticos membros do 'aparato' de En Marea e dos seus grupos parlamentares".

Martiño Noriega, portavoz nacional de Anova dixo que o 18-F “xogámonos moito” para erguer un “dique de contención” contra as políticas do PP ao longo destes 14 anos, que empeoraron notabelmente a vida das persoas en campos tan importantes como os servizos públicos .

Pola súa parte, Ana Pontón apelou a que a “prioridade política neste momento” é o “cambio”, un cambio “liderado polo nacionalismo” e que “está máis perto” co acordo asinado con Anova.

Comentarios