Barro paraliza unhas obras de Norvento relacionadas cos eólicos do Acibal por "carecer de licenza"

O Concello ordenou deter con carácter inmediato as obras dunha plataforma para o transporte de compoñentes do parque alegando a falta de permisos, algo que negan desde a compañía.
Un aeroxerador da compañía Norvento.
photo_camera Un aeroxerador da compañía Norvento.

O Goberno local de Barro (comarca de Pontevedra), un dos afectados pola construción do parque eólico Acibal canda os veciños de Campo Lameiro e Moraña, ordenou esta quinta feira á compañía Norvento Enerxía, a responsábel, suspender as obras dunha plataforma para o transporte de aeroxeradores e outros compoñentes alegando a falta de permisos.

Desde o Concello aseguran que a empresa "non conta coa preceptiva licenza municipal" para a execución dunha obra desas características, no lugar de Porráns, ao carón da estrada N-550. E, en consecuencia, abriu un expediente de revogación do título habilitante urbanístico municipal, polo que Norvento tivo que deter de inmediato as obras.

Con todo, fontes da compañía enerxética consultadas por Nós Diario aseguran que os citados traballos contaban "con todos os permisos necesarios", incluíndo o título habilitante urbanístico. Tamén apuntan que, se ben non comparten "os criterios" do Concello de Barro, o asunto resolverase no expediente de revogación que se abriu para tal efecto.

Comentarios