Baltar declarará o 9 de maio no xulgado de Pobra de Seabra por conducir a 215 km/h

A Deputación de Ourense acollerá o día 4 un pleno extraordinario a petición do PSOE, que considera "insuficientes" as súas explicacións

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (Foto: Europa Press).

O presidente da Deputación de Ourense e do PP na provincia, Manuel Baltar, acudirá a declarar a vindeira terza feira 9 de maio ao xulgado de Pobra de Seabra (Zamora) tras ser 'cazado' o pasado domingo conducindo un coche oficial a 215 quilómetros por hora pola A-52.

Segundo ratificaron fontes da Deputación, Baltar recibiu esta sexta feira a citación xudicial para declarar, após notificarlle esta mesma semana a Garda Civil a apertura de dilixencias de investigación por un posíbel delito contra a seguridade viaria.

As mesmas fontes confirman que o 4 de maio, a partir das 10 horas, a Deputación acollerá un pleno extraordinario a petición do PSdeG-PSOE.

Os socialistas consideran que as explicacións ofrecidas na sesión ordinaria desta sexta feira foron "insuficientes".

Durante o debate, Baltar respondeu a preguntas de PSOE e BNG sobre a multa que lle impuxeron -xa abonada- e o proceso penal aberto por este delito.

Non dimitirá

Asegurou que "non" vai dimitir como presidente porque, segundo precisou, tratouse dun feito "illado", aínda que recoñeceu outras dúas multas nos últimos anos e que o coche oficial do ente provincial acumula dez sanciones no último período.

Baltar insistiu en que "foi un erro illado" que se debeu a "un descoido" nunha "longa recta sen referencias".

Comentarios