18-F | Barómetro para Nós Diario

Avance do barómetro de EM-Analytics (3 de febreiro): o PP cae catro décimas na Coruña e Pontevedra nun só día

Democracia Ourensá recuperaría unha acta pola circunscrición de Ourense, en constante pugna co BNG, e entraría no Parlamento galego. Esta nova entrega do barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario publicarase de forma íntegra, incluíndo a repartición de votos e escanos en todas as circunscricións e mais no conxunto da Galiza, no xornal deste sábado, 3 de febreiro. Aliás, até o día 12, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.
Estimación de voto para o 18-F, segundo o barómetro de EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario' deste sábado.
photo_camera Estimación de voto para o 18-F, segundo o barómetro de EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario' deste sábado.

A quinta entrega do barómetro para as eleccións galegas do Instituto Demoscópico EM-Analytics que publica este sábado Nós Diario deixa o Partido Popular con 45,6% dos sufraxios. Os populares rexistran unha caída de dúas decimas no conxunto da Galiza, que chega a catro décimas nas circunscrición da Coruña e de Pontevedra, onde fican en 46,5% dos votos e 40,2%, respectivamente.

O BNG marca unha porcentaxe de voto de 27,4%. A formación nacionalista perde un escano na circunscrición de Ourense, que recupera Democracia Ourensá. Así e todo, a organización liderada por Ana Pontón é a que máis medra en relación aos comicios de 2020, incrementando en tres actas a súa representación institucional e aumentando en 3,7 puntos a súa intención de voto.

 

O Partido Socialista de Galicia (PSdeG) mantense un día máis con 18,5% dos votos no conxunto do país, porcentaxe invariábel respecto á entrega do barómetro desta sexta feira, 2 de febreiro. A formación que encabeza José Ramón Gómez Besteiro mantense desde o inicio do tracking nesta mesma dirección, sen demasiadas variacións.

Democracia Ourensá volve ao Parlamento da Galiza nesta quinta entrega do barómetro para as eleccións galegas do Instituto Demoscópico EM-Analytics. Pola contra, Sumar con 3,5% dos sufraxios, Vox con 1,8% e Podemos con 1,1% continúan fóra da Cámara.

Esta nova entrega do barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario publicarase de forma íntegra, incluíndo a repartición de votos e escanos en todas as circunscricións e mais no conxunto da Galiza, no xornal deste sábado, 3 de febreiro. Aliás, até o día 12, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.

FICHA TÉCNICA

Universo: persoas con dereito a voto na Galiza. / Ámbito: Galiza / Cotas por escala ideolóxica, idade, sexo, renda, ocupación, territorio, formación e interese na política, segundo a distribución do censo electoral. / Tamaño da mostra: 1.400 enquisas satisfactorias. / Procedemento de recollida de información: Modelo híbrido. Entrevista online, asistida por ordenador con cuestionario intelixente estruturado CAWI. Reforzo de mostra en Lugo e Ourense con entrevistas telefónicas a fixos e móbiles, asistidas por sistema CATI. / Marxe de erro: 2,62% (N-1.400) para un grao de confianza do 95% (dous sigmas) e na hipótese de P=Q=0,5. / Duración do cuestionario: 4-5 minutos. / Datas do traballo de campo: Inicio do tracking: 1 de xaneiro. Mostra engadida: 1 e 2 de febreiro de 2024. / Número de supervisores: 3. / Responsábeis da análise: Rodrigo Panero e Miguel Díaz. / Instituto: EM-Analytics.com.

Comentarios