APóS 6 NOVAS IMPUTACIóNS

Besteiro renuncia a ser candidato mais continuará como secretario xeral do PSdeG

[ACTUALIZADA ÁS 14.50] Á espera da comunicación oficial, todo apunta a que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, renunciará a aspirar como candidato á presidencia da Xunta de Galiza após coñecérense as súas novas imputacións. Continuará, pola contra, como secretario xeral da formación.

José Ramón Besteiro
photo_camera José Ramón Besteiro

O propio Besteiro convocou reunión da Executiva do PSdeG para a tarde do sábado e será no marco desa xuntanza onde oficialice a renuncia a aspirar á presidencia da Xunta nas eleccións galegas, segundo fontes citadas pola Cadena Ser. Besteiro, malia as fortes presións, continuará a ser o secretario xeral do PSdeG. 

Na mañá do sábado César Luena, secretario de Organización do PSOE, xa deixaba ver que Besteiro renunciaría a participar nas primarias do PSdeG ao aludir ao “compromiso intachábel” do código ético do PSOE. Engadía ao respecto que “hai dous meses houbo unhas eleccións e non había nin un só imputado nas listas”.

As reaccións

As seis novas imputacións sobre Besteiro no marco da Operación Pulpo que investiga adxudicacións ilícitas na Deputación de Lugo provocaron todo tipo de reaccións a nivel nacional e estatal. O president da Generalitat valenciana e secretario xeral do PSPV-PSOE, Ximo Puig, quen salientou que a transparencia e a explicación pública é fundamental. Engadiu que “hai persoas que non están a exercer todas as súas lexítimas competencias no partido porque están, non imputados, pre-imputados”. “Hai que dar exemplo”, afirmou.

Tamén falou ao respecto o ex ministro de Asuntos Exteriores Miguel Ángel Moratinos (PSOE), quen tirou de prudencia para advertir de que “hai que agardar a que os xuíces decidan” e hai que darlle a Besteiro “a confianza que merece”.

A xestora do PSOE de Lugo acusou a maxistrada de ser "a xuíza máis politizada"

Quen fechou filas arredor de Besteiro foi a xestora do PSOE da provincia de Lugo, quen acusou a maxistrada Pilar de Lara de ser "a xuíza máis politizada".

Por parte do PP, o vicesecretario estatal de Organización, Fernando Martínez-Maíllo, salientou que sobre Besteiro pesan dez imputacións “por delitos, precisamente, no menos graves, senón derivados da corrupción”. “A algúns éncheselles a boca de nos acusar, pero logo vedes o que pasa aquí, precisamente en Galiza”, apuntou, tratando de desviar a atención sobre a morea de casos de corrupción que salfiren o PP ao longo do Estado. 

Desde Ciudadanos, o secretario de Acción Política, Estudos e Programas, Antonio Espinosa, sinalou que o secretario xeral do PSdeG, debería “facerse a un lado”. Na mesma liña pronunciouse Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU, quen lle amosou todos os respectos ao PSOE.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que de estar na mesma situación "tería dimitido con independencia do máximo respecto á presunción de inocencia". Engadiu que é coñecida a posición do Bloque, que pasa pola dimisión de calquera cargo de reponsabilidade ante unha imputación por presuntos delitos de corrupción investigados pola xustiza, aínda cando se teña convencemento pleno da inocencia dos afectados e finalmente queden exculpados.

As novas seis imputacións coñecéronse tan só un após de que Pedro Sánchez, aspirante do PSOE a ocupar a presidencia do Goberno central, viaxara a Galiza e apoiara publicamente a Besteiro. Son moitas as voces no PSdeG que aseguran que non se trata dunha coincidencia e que cuestionan a actuación da xuíza Pilar de Lara. Estas mesmas voces lembran que as anteriores imputacións, no marco da operación urbanística Garañón, frustraron a marcha de Besteiro ao Senado e, en consecuencia, a súa condición de aforado.

[Esta información foi actualizada por volta das 14.50 para engadir o posicionamento do BNG a respeito da situación política de Besteiro]

Comentarios