Até dez días de espera para Atención Primaria en áreas de afluencia turística

O PSdeG achaca a "falta de persoal" a unha "década de recortes".
Centro de saúde. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Centro de saúde. (Foto: Nós Diario)

O viceportavoz parlamentario do PSdeG, Julio Torrado, responsabilizou onte a Xunta da Galiza da "falta de persoal" no Servizo Galego de Saúde (Sergas) este verán, algo que é froito dunha "década de recortes" na sanidade pública e as condicións laborais "precarias" ofrecidas.

A través dun comunicado, o PSdeG faise eco "dun gran número de queixas de veciños e profesionais" por toda a Galiza pola situación da Atención Primaria, algo que –denuncia— ocorre durante o ano, mais "aumenta" polas vacacións estivais dado o "inmobilismo" do Goberno galego. Así, Torrado sinala como "de novo" en zonas turísticas como O Salnés e O Barbanza hai "até dez días de lista de espera" en Atención Primaria. Ademais, nas cidades o Sergas "non funciona mellor".

Todo iso mentres, tal e como denuncia, a Xunta "parece dar por válida a situación apelando a que non hai médicos de Primaria". Con todo, o viceportavoz do PSdeG sinala como en Enfermaría si que hai "moitísimo profesional dispoñíbel".

Para Torrado, esta situación débese a que o Goberno galego leva dez anos "recortando" no Sergas, ao non formar MIR "suficientes". A isto engade as condicións laborais: "Son as que impiden que teñamos os profesionais necesarios".

Cerdedo-Cotobade

Pola súa parte, a deputada do PSdeG Paloma Castro, após reunirse con veciños e profesionais afectados pola situación no centro de saúde da parroquia de Tenorio, trasladou á Cámara galega a situación sanitaria de Cercedo-Cotobade. Quixo denunciar que "outro verán máis" hai "unha carencia total de médicos, con baixas e vacacións sen cubrir e sen pediatra".

Comentarios