18-F

Armando Oxea (DO): “Negociaremos até co diaño se iso trae o ceo para Ourense”

O cabeza de lista dunha DO á que o CIS sitúa no Hórreo cre que as enquisas "sempre infravaloran" o partido de Xácome

Armando Oxea, candidato de Democracia Ourensá (DO) á presidencia da Xunta da Galiza. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Armando Oxea, candidato de Democracia Ourensá (DO) á presidencia da Xunta da Galiza. (Foto: Nós Diario).

Democracia Ourensá, o partido do alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Xácome, está convencido de que irá máis aló do que apuntan as enquisas que lle outorgan representación no Parlamento da Galiza e cre que logrará "entre dous e tres" escanos para converterse en "bisagra" para o Goberno na Xunta nunhas eventuais negociacións nas que non porá "cordóns sanitarios" se con iso conséguese "o ceo para Ourense".

Así o afirma en declaracións á axencia Europa Press esta terza feira o cabeza de lista de Democracia Ourensá, Armando Oxea, que incidiu en que palpan "na rúa" que están en disposición de conseguir máis do asento que debuxa o último barómetro do CIS, publicado a pasada segunda feira.

"As enquisas sempre se equivocaron moito con nós. A resposta que temos en todos os lados fainos pensar que obteremos probabelmente entre dous e tres deputados", sentenciou Oxea, que subliña que o partido de Xácome mantén todas as portas abertas se se converten en chave de San Caetano tras as eleccións do próximo domingo.

Oxea remarca que Democracia Ourensá carece "de filias e fobias" para "falar" con calquera formación política sempre que estean dispostas a negociar cuestións para, a través de "investimentos" en materia de infraestruturas e servizos, "reverter a situación de discriminación histórica" que, di, padece a circunscrición de Ourense

Así, o até xaneiro deputado provincial remarca que, se as urnas sitúan a Democracia Ourensá con capacidade para decantar unha maioría na Cámara galega, non actuarán seguindo o "criterio de clasificación" tradicional de "esquerda e dereita", que ve "obsoleto" e que a máxima que porán por diante será a de que se adquiran compromisos con Ourense desde o Goberno galego para que "adquira un grao de desenvolvemento similar" ao que "hoxe teñen Santiago, A Coruña ou Vigo".

Como exemplo disto sinala o Concello de Barbadás (comarca de Ourense), onde se integra un concelleiro de Democracia Ourensá no goberno local encabezado polo socialista Xosé Carlos Valcárcel.

"O noso partido foi creado cunha perspectiva moi concreta, que é a perspectiva da discriminación de Ourense", remarcou Oxea para sinalar que así debe ser "analizado" o papel que pode xogar DO se consegue dar o salto á política galega facéndose cun oco no Pazo do Hórreo.

"Democracia Ourensá está disposta a falar con calquera partido, con luz e teclígrafos, na praza maior de calquera cidade, ás doce do mediodía, a pleno sol dun domingo", resume o candidato para recalcar, parafraseando ao seu xefe de filas, Gonzalo Pérez Xácome, a súa apertura para negociar "co diaño, se fai falta, se iso trae o ceo para Ourense".

Campaña en redes

Así as cousas, Democracia Ourensá encara a recta final da campaña co convencemento de que a súa estratexia de apartarse das "pautas convencionais" para apostar polo contido en redes "que se viraliza" dará os seus froitos nas urnas.

"Somos un partido do século XXI, que nacemos entroncados cos novos métodos de comunicación, coas redes sociais e Internet", sinalou Oxea en defensa dunha estratexia de campaña que escapou dos mitines, aos que "só van os convencidos" e que unicamente serven para reforzar "a cohesión de grupo" pero que, ao seu xuízo, teñen pouca capacidade de mover votos.

Por iso, apostan por formatos como o vídeo publicado durante a primeira semana de campaña na que, facendo unha versión 'In the navy' de The Village People, Xácome apela aos ourensáns para tomar parte nas eleccións para enviar a DO "á Xunta".

"Temos un grupo de persoas, entre as cales se atopa o alcalde da cidade, que teñen un instinto especial para facer esa clase de contidos que se viralizan en poucas horas", sentenciou o cabeza de lista que cre que a coincidencia da campaña coas festas de Entroido, de moito arraigamento en Ourense, favorece os intereses do seu partido, que inicialmente censurou a decisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de convocar as eleccións para estas datas.

"Se a intención foi pólo en Entroido para prexudicarnos, eu creo que lles vai a saír o tiro pola culata porque precisamente o Entroido vai beneficiar, entre outras cousas, porque fixemos uns contidos moi fáciles de utilizar polas comparsas e pola xente para a viralización mediática da mensaxe", aseverou Oxea.

 

Comentarios