A aprobación provisional do PXOM de Vigo xa ten data: 28 de decembro

O 5 de xaneiro é o día límite para que a cidade conte con plan urbanístico.
Vista panorámica de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vista panorámica de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O Goberno municipal de Vigo prevé a aprobación provisional do novo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) o próximo 28 de decembro, data na que, se non hai sorpresas, se convocará a sesión plenaria a tal efecto, na que a maioría absoluta do PSdeG de Abel Caballero permitirá dar luz verde ao documento urbanístico.

Previamente, o documento será levado, esta quinta feira, ao Consello da Xerencia de Urbanismo, que actúa como comisión informativa neste caso. Deste modo, o novo plan terá o visto e prace do Concello antes da data límite do 5 de xaneiro, momento en que decae a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP), unha figura cuxa aplicación está condicionada a que o Concello cumpra unha serie de prazos e aprobe provisionalmente o novo plan nun máximo de tres anos e medio. 

Así, está previsto que no primeiro semestre do ano que vén entre en vigor o novo PXOM, que substituirá o Plan aprobado en 2008 e anulado en 2015 polo Tribunal Supremo, debido a unha insuficiente motivación por parte da Xunta da Galiza, na altura gobernada por PSdeG e BNG, arredor da non obrigatoriedade da avaliación ambiental estratéxica.

O 28 de decembro, por tanto, cúmprese un novo fito na tramitación do novo documento, tras anos de xestións, estudos, modificacións, adaptacións, recollida de informes, etc. 

Un total de 4.502 reclamacións presentadas

O PXOM foi aprobado inicialmente en agosto de 2021 e, no período de alegacións, presentáronse 4.502 suxestións ou reclamacións. Destas, segundo o Goberno local, foron aceptadas o 45% "total ou parcialmente". 

Comentarios