Antonio Veiga denunciará o PP se non retirar a acusación de uso partidario de cartos públicos

Tres facturas a nome do BNG certifican que a campaña publicada nos medios de comunicación de Lugo foi pagada con cartos da organización política. O Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, presentará unha denuncia xudicial se o PP non retirar as acusacións.

 

photo_camera Facturas a nome do BNG da campaña contra o resgate

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, respondeu ás acusacións do PP de estar a investir cartos públicos en propaganda mostrando as facturas que certifican o pagamento por parte do BNG dos anuncios publicitarios contra o rescate da banca. Exixiu, neste sentido, que o PP rectifique as súas acusacións e pida desculpas “pola insidia que se deduce das súas declaracións” xa que, de non facelo, dirixiranse aos tribunais para presentar unha denuncia xudicial. O presidente do PP de Lugo anunciou a presentación dunha querela ante a Fiscalía polo uso partidario de cartos públicos. 

O PP empregou a campaña publicitaria no debate parlamentario cando a nacionalista Ana Pontón se dirixiu ao presidente da Xunta para que asumise as súas responsabilidades e traballase para manter un sistema financeiro galego. Diante diso, o Presidente da Xunta, referiuse á campaña publicitaria aludindo ao gasto de cartos públicos en publicidade política. O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, demanda do partido do goberno da Xunta que “se informe antes de falar, xa que desde a vicepresidencia da Deputación de Lugo non se utilizaron cartos públicos para pagar o anuncio contra o rescate bancario”.

O anuncio “Rescatan a banca, rouban ao pobo” apareceu a pasada terza feira en varios medios de comunicación escritos da província de Lugo. Antonio Veiga, sinalou que este é “un acontecemento histórico extraordinario xa que non se pode falar de algo así desde hai catro séculos. Se o PP quere pasar por iso de punta sen dar explicacións é cousa deles pero nós esiximos responsabilidades políticas” apuntou. Interpreta a denuncia do PP como unha “cortina de fume sobre o verdadeiro tema que lle afecta directamente á cidadania, un debate co que se quere desviar a atención sobre a situación ”.

Comentarios