Anova Teo pide a anulación das sancións impostas pola Comisión de Garantías e o "asentamento" de AGE

Nunha resolución aprobada pola asemblea local, Anova-Teo afirma que o organismo de control da organización "non ten lexitimidade" e demanda a anulación das sancións aprobadas e a súa parálise até a vindeira asemblea nacional. Asemade aposta en AGE como ferramenta chave amosando o seu apoio á corrente liderada polo teense, Martiño Noriega. 

anova teo
photo_camera Imaxe:Anova-Teo

A organización liderada por Xosé Manuel Beiras continúa a facer públicas as discrepancias internas que existen no seu seo. Após as demisións de Martiño Noriega, coordinador nacional de Anova, Iolanda Pérez Docampo, responsábel de Acción Feminista, e catro integrantes máis da Comisión Permanente, a asemblea local de Anova en Teo vén de facer pública unha resolución aprobada o pasado 8 de xaneiro na que demandan a parálise da Comisión de Garantías da formación e a anulación das sancións impostas ao longo dos últimos meses a un importante número de militantes. 

Entre elas, a expulsión de 17 integrantes de Anova en Redondela que foron cesad@s na súa militancia após unha tensa xuntanza en que xa se deixaron ver os dous polos que conforman Anova. Neste senso, a posición minoritaria --cando menos en termos aritméticos-- reclama á dirección da formación que paralice as funcións da Comisión de Garantías pola súa falta de lexitimidade ao entenderen, din, que este organismo non foi dotado de funcións e competencias concretas na última asemblea nacional. 

"A Comisión Ética e de Garantías (CEG) non ten lexitimidade para extralimitarse nas súas actuacións e intervir máis aló do establecido nos estatutos e nos principios ético-políticos de Anova-IN, que non definen con detalle as súas funcións nin lle atribúen potestade sancionadora", afirman @s militantes de Teo na resolución pendurada no seu portal web. Así, instan a que sexa unha nova asemblea nacional a que determine as súas funcións, ao tempo que demandan que até daquela a Comisión fique paralizada. Iso si, non sen antes revogar as decisións adoptadas. 

O asentamento de AGE

Aliás, e nun segundo punto, Anova-Teo reafirma a súa aposta en AGE como ferramenta estratéxica cara á conformación dunha "fronte ampla non excluínte". Neste senso, a asemblea local amosa o seu apoio ás teses defendidas pola corrente encabezada polo alcalde teense, Martiño Noriega, face esoutro polo -maioritario na organización e ao que agora estaría a prestar o seu apoio Beiras- que pularía por unha política de alianzas caracterizada pola xeometría variábel, isto é, aberto a cambiar de socios en función da natureza dos distintos procesos eleitorais, un sector non proclive a considerar estratéxica a confluencia con Esquerda Unida.

Comentarios