Política

Anova aposta por "arrimar o ombro" entre partidos para "facer fronte" ao PP nas eleccións á Xunta

Antón Sánchez apela "a todo o que está á esquerda do PSOE" na Galiza para "disputar a hexemonía ao PP"
Antón Sánchez nunha rolda de prensa como voceiro do Grupo Común da Esquerda no Parlamento (Europa Press)
photo_camera Antón Sánchez nunha rolda de prensa como voceiro do Grupo Común da Esquerda no Parlamento (Europa Press)

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, pon a vista nas eleccións á Xunta da Galiza de 2020 e aposta por "arrimar o ombro" entre os partidos políticos do Parlamento galego para "facer fronte" ao Partido Popular.

A quen se dirixe Sánchez con estas palabras nunha entrevista na Radio Nacional Española este domingo, recollida por Europa Press, é "a todo o que está á esquerda do PSOE" (Podemos, Esquerda Unida, BNG e En Marea). Con todo, sabe que a alternativa ao PP que xurda da cita electoral "será plural" e que se verán "obrigados a dialogar e a entenderse" tamén co PSdeG.

O contrario "sería irresponsable" pola súa banda, aclara. A pesar de todo, quere "disputar a hexemonía ao PP" nun contexto de "diversidade e pluralidade" cunha aposta por "alianzas o máis amplas posibles para ter unha potencia maior" que permita "levar a cabo as propostas" coa "vontade de sumar".

Esta candidatura común para as autonómicas de 2020 é pola que están a traballar diferentes representantes das forzas políticas galegas. Con todo, Sánchez lembra que igual de importante é "traballar no plano político" para ofrecer unha "alternativa republicana e rupturista" como a que Anova está "disposta a construír".

Ao ser preguntado pola súa posible candidatura a presidente da Xunta, o deputado de Grupo Común da Esquerda prioriza os "acordos políticos" e sinala que despois "se poñan ás persoas que se consideren mellores para presentar ese proxecto polo que traballan".

Así é como Antón Sánchez quere "facer fronte a estes dez anos de destrución do público, incremento das desigualdades e redución das posibilidades vitais para a mocidade" que, ao seu xuízo, representa o Goberno de Feixoo.

Comentarios