O BNG elixirá o 25 de novembro a súa candidatura á Presidencia da Xunta

Calquera militante con plenos dereitos de alta na organización poderá participar e presentarse sempre que logre un mínimo de 200 apoios.
Integrantes do Consello Nacional do BNG. (Foto: Europa Press)
photo_camera Integrantes do Consello Nacional do BNG. (Foto: Europa Press)

O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado o regulamento para a elección da candidatura á Presidencia da Xunta, un proceso aberto a toda a militancia que culminará o 25 de novembro e que arrinca esta mesma terza feira, día 31, coa apertura do prazo para a recollida de avais, e no que non existen dúbidas sobre que Ana Pontón será a cabeza de lista da formación nas eleccións de 2024.

Nunha reunión extraordinaria celebrada vía telemática, o máximo órgano de dirección entre asembleas aprobou o calendario que sinala que desde o 31 de outubro e até o 13 de novembro calquera militante con plenos dereitos de alta na organización poderá participar e presentarse sempre que logre un mínimo de 200 apoios, que deberá presentar no rexistro da sede nacional.

Finalizado ese trámite, será a militancia quen tome a palabra e se pronuncie a través das 26 asembleas comarcais que se van convocar entre os días 14 e o 19 de novembro, tal e como establece o calendario aprobado. "No BNG as decisións que adoptamos son colectivas e democráticas, fundamentadas sempre no debate e na participación da militancia", asegurou a responsábel de Organización, Lucía López.

Así, o BNG habilitará a posibilidade de votación telemática no caso de haber militantes que non poidan asistir ás asembleas de forma presencial. Tamén a emigración terá voz neste proceso e poderá emitir o seu voto vía telemática entre os días 14 e 16 de novembro.

Adianto electoral

O BNG arrinca este proceso cumprindo cos estatutos aprobados en asemblea e coa idea de ter fechada a súa candidatura ante un eventual adianto electoral, tendo en conta ademais, destacan os nacionalistas, que a próxima será "unha das citas coas urnas máis importantes dos últimos 42 anos".

"O BNG encara estes comicios como forza líder do cambio galego e alternativa real ao actual goberno da Xunta, unha alternativa que pasa por arrebatarlle a maioría absoluta ao Partido Popular e concentrar na formación nacionalista o apoio dos galegos e as galegas que desexan abrir un tempo novo na Galiza", subliñan.

Comentarios