Ana Pontón presenta unha candidatura “plural” dun BNG “fundamental para un cambio real na Galiza”

A candidata a portavoz puxo en valor o papel da militancia ante unha Asemblea Nacional na que se van debater “algunhas das decisións máis relevantes” desde a creación do Bloque. Apostou nun debate “vivo, aberto” do que saían os alicecres “do nacionalismo do século XXI”.

Presentación da candidatura de Ana Pontón
photo_camera Presentación da candidatura de Ana Pontón

Unha candidatura “plural”, “aberta”, integrada por persoas procedentes de diversas comarcas e de diferentes idades, na que se combina a experiencia na xestión coas novas achegas e o activismo social, cultural ou sindical. Así cualificou Ana Pontón a candidatura que encabeza á XV Asemblea Nacional do BNG e que se presentou publicamente esta cuarta feira en Compostela. “Unha candidatura para dar a cara por esta organización”, remarcou, e que “parte das propostas feitas nas asembleas comarcais”, engadiu, para salientar cal é a “vontade clara” da mesma: “poñer a punto o nacionalismo para facer fronte aos retos que ten Galiza”.

“É unha candidatura plural, aberta, para dar a cara por esta organización”

Os integrantes da lista arrouparon a deputada. Rostros coñecidos e tamén xente nova. “Dous terzos da candidatura á Executiva Nacional son novos, unha renovación importante”, dixo Goretti Sanmartín, número 2 da lista. Pontón, durante a súa intervención, fixo continuas referencias á militancia, destacando que ela é quen ten nas súas mans o futuro do BNG e a súa liña de actuación. “Nesta Asemblea Nacional imos ter unha das decisións máis relevantes desde que naceu o BNG, a súa refundación”. Pódese debater sobre todo, respondeu a preguntas dos xornalistas, desde a marca até o modelo frentista. “Milito desde os 16 anos e en todas as asembleas nacionais do BNG debateuse sobre ese modelo, non hai ningún problema en debatilo”, dixo. A preguntas sobre as alianzas, reiterou que a dirección aplicará aquilo que a este respecto decida a militancia.

Presentación candidatura Ana PontónDo que se trata, apontou a candidata a portavoz nacional, é que o 28 de febreiro saia un BNG reforzado como instrumento “ao servizo de Galiza” e facendo do nacionalismo “fundamental para un cambio real na Galiza”.

“Debater, debater, debater”

Xosé L. Rivas, 'Mini', que integra a candidatura chamou á militancia a participar na asemblea deste domingo na Coruña, unha cita “para poñernos a punto cos tempos” e no que se vai “debater, debater, debater”. Yésica García, de Redondela, destacou a presenza de mocidade e xente nova na lista, unha mostra de que “o nacionalismo ten futuro”. Noa Presas, de Ourense, dixo que asumían “con ilusión e ganas este reto” e que esta candidatura “vai dalo todo” para “fortalecer unha ferramenta nacionalista e situada á esquerda”.

Tamén Goretti Sanmartín tomou a palabra. Defendeu a lista como unha mostra de persoas “con coñecemento do que é o BNG e a súa base social”, con “capacidade”, e “con moita ilusión”. Unha candidatura que profundizará “naquilo que se fixo ben” ao tempo que “iniciar un momento novo” para sumar a todas aquelas persoas que “acrediten que Galiza ten que ter unha forza propia”.

Comentarios