23-X

Ana Pontón fai un chamamento a todos os galegos a expresar a súa opinión este domingo nas urnas

A líder nacionalista aproveitou esta xornada para tomar un vermú nas proximidades da Praza de Abastos de Santiago de Compostela con Néstor Rego e Goretti Sanmartín.
_Foto Ana Pontón e Néstor Rego, Día de reflexión 2 (1)
photo_camera Ana Pontón, Néstor Rego e Goretti Sanmartín, tomando o vermú en Compostela. (Foto: BNG).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento nesta xornada de reflexión a todos os galegos para expresar a súa opinión este domingo nas urnas.

A líder nacionalista aproveitou esta xornada para tomar un vermú nas proximidades da Praza de Abastos de Santiago de Compostela xunto ao candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, e á alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, entre outros militantes da formación.

Para a líder do Bloque, este día de reflexión é o día para que todos os que non teñan aínda decidido o seu voto "o mediten ben", porque "un voto ben meditado e ben pensado será un voto que sempre vai acertar".

Así mesmo, Pontón reiterou a importancia de que todos os galegos e galegas "deixen sentir a súa opinión nas urnas porque o voto é o poder da xente, da cidadanía".

Pola súa parte, o cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego cualificou a campaña electoral de moi intensa.

Engadiu que, na súa opinión, tivo lugar “unha grande mobilización do conxunto da militancia do BNG”, con "moita ilusión, expectativa e esperanza no resultado".

Dende o BNG chamamos ao pobo galego a participar activamente nas eleccións e que todo o mundo vote, porque é "moito o que está en xogo neste proceso electoral".

O futuro, dixo, temos que construílo entre todas e todos e esa foi a nosa mensaxe e obxectivo ao longo da campaña.

“Hoxe, día de reflexión -remarcou o candidato- é necesario que todos e todas participemos desa ilusión porque destas eleccións dependerá  o futuro de todos e todas as galegas e o futuro do noso país".

Comentarios