18-F

500 millóns para saúde mental: Pontón aposta por dotar a Atención Primaria de servizo de Psicoloxía clínica

"A gran pandemia do século XXI". Así se referiu Ana Pontón aos problemas de saúde mental que pacede a poboación, tamén a galega, que lidera o consumo de psicofármacos. Buscando pórlle freo, a candidata do BNG propón a integración de profesionais de Psicoloxía clínica no servizo de Atención Primaria, así como nos centros educativos. 
O psicólogo clínico José Berdullas, Ana Pontón (BNG) e a actriz Melania Cruz, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O psicólogo clínico José Berdullas, Ana Pontón (BNG) e a actriz Melania Cruz, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Nun encontro sobre a situación actual da saúde mental no que participaron a actriz Melania Cruz e o psicólogo clínico José Berdullas, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, comprometeu un "impulso" na atención á saúde mental dotando a Atención Primaria de servizo de Psicoloxía clínica. Esta é unha das medidas coas que o BNG quere facer fronte ao que Ana Pontón cualificou como "a gran pandemia do século XXI".

Así, o programa de goberno do BNG inclúe a dotación de maneira progresiva de psicólogas e psicólogos clínicos aos centros de saúde, "tendo en conta que 30% das súas consultas están relacionadas coa saúde mental". Igualmente, Pontón avanzou a súa intención de incorporar persoal de Psicoloxía nos centros educativos, para que "poidan detectar e atender os problemas nesta materia entre os e as adolescentes galegas". 

Comprometeuse a dotar a saúde mental dos recursos económicos "suficientes", até chegar ao 10% do orzamento total destinado a sanidade, seguindo, dixo, a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS). O investimento proposto para saúde mental alcanzaría, así, os 500 millóns de euros, tomando como referencia os orzamentos do exercicio 2024.

"A saúde mental non pode depender da conta bancaria de cada persoa" 

Así de contundente se mostrou Pontón. Unha afirmación coa que concordou a actriz galega Melania Cruz, que trasladou a súa experiencia persoal e explicou que, no seu caso, "foi inviábel" contar con axuda psicolóxica desde a sanidade pública.

Pola súa parte, o psicólogo José Berdullas recordou que a atención á saúde mental é tamén un dereito que non pode depender da situación económica de cada quen, motivo polo que considerou de urxencia darlle un "impulso inmediato". 

"Xira" de precampaña

Tamén esta sexta feira, nun almorzo organizado polo Círculo de Empresarios da Galiza en Vigo, Pontón situou a cidade olívica como exemplo do "potencial" de crecemento da economía galega para aplicar o seu Plan de reindustrialización para a Galiza. Sen saír da comarca, en Redondela, a candidata do BNG avanza un plan para recuperar a enseada de San Simón e garantir o emprego de mariscadoras e mariscadores. 

Este domingo, o BNG desenvolverá unha convención como arranque de campaña co "reto de presidir Galiza". Nela intervirá a propia Pontón, así como as cabezas de lista por Lugo, Ourense, Pontevedra e a número 2 da Coruña.

Comentarios