Ana Miranda afirma que o BNG executará todos os fondos europeos se goberna a Xunta e denuncia a "ineficiencia" do PP

Ana Miranda denunciou a "falta de transparencia e discriminación" que a Xunta ten cos concellos gobernados polo BNG. Neste sentido, avisou de que as "présas por executar o diñeiro no último mes de prazo pode levar a unha execución de forma indebida".
Ana Mirada esta terza feira en Bruxelas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Mirada esta terza feira en Bruxelas (Foto: Nós Diario).

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, censurou esta terza feira a "ineficiencia" da Xunta da Galiza controlada polo PP ao "non gastar a totalidade dos fondos estruturais" -Feder, FSE e Feader- tendo dez anos para facelo e, por contra, "deixe sen executar case mil millóns de euros". Así, comprometeu que o Bloque, se goberna, executará todos os fondos europeos.

"É unha auténtica irresponsabilidade por parte do Goberno do PP que Galiza non executase 100% dos fondos", denunciou Miranda, quen dixo falta "un mes para que se produza o fin do prazo para a execución deses fondos europeos, uns investimentos públicos que serían moi beneficiosas para os cidadáns da Galiza e que servirían para cubrir moitas necesidades e para apoiar o medio rural".

Neste sentido, referiuse aos problemas de transporte ou saneamento incompleto como exemplos das carencias que existen no país, ás que se lles poderían dar solución con ese diñeiro.

Miranda apuntou que "non é a primeira vez que o Goberno galego deixa fondos europeos sen gastar nin a primeira vez que o BNG o denuncia", afirmando que o que pasa agora con Rueda xa pasaba con Feixoo.

"No período pasado foron 1.400 millóns de euros os que a Xunta non executou", lembrou á vez que sinalou que o grao de execución está "moi por baixo da media europea", a pesar dos 10 anos que o Goberno galego tivo para planificar, autorizar e executar" ese diñeiro.

No marco do programa operativo Galiza do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), a data do 30 de xuño de 2023, só 76% dos recursos foran executados.

Cifra similar á do programa Feader, mentres que ao longo dos dez anos, apenas 68% fora executado na Galiza. Pola contra, na UE, a execución media dos fondos Feder é de 86%, mentres que do Feader é de 79% e do FSE, 80%.

"Falta de transparencia"

Ademais, Ana Miranda denunciou a "falta de transparencia e discriminación" que se ten cos concellos gobernados polo BNG. Neste sentido, avisou de que as "présas por executar o diñeiro no último mes de prazo pode levar a unha execución de forma indebida" e insistiu na "necesidade de mellorar os indicadores de seguimento do uso deses fondos e cumprir a recomendación feita polo propio Consello de Contas", que xa alertou deste problema no informe fiscalización dos fondos de 2018.

"O que non pode un goberno é comprometer un gasto público de aquí a dez anos e sen ter en conta a oposición, porque o ano que vén, cando haxa eleccións e goberne Ana Pontón, vai ser quen presida o goberno da Xunta para executar estes fondos", considerou Miranda, dando por feito un cambio de goberno e comprometendo que, de ser así, "os fondos europeos van executar todos, porque son instrumentos de gasto público para cubrir as necesidades".

Comentarios