Ames Novo non concorrerá ás eleccións do 28-M e pon o foco en 2027

A formación, que obtivo catro de 21 actas en 2015 e mantivo un escano nas anteriores municipais, chama a "reorganizar o espazo común da cidadanía progresista prescindindo de siglas".
Candidatura de Ames Novo nos comicios de 2019, nos que obtivo un representante.
photo_camera Candidatura de Ames Novo nos comicios de 2019, nos que obtivo un representante.

O movemento cidadán Ames Novo, que xurdiu de cara ás eleccións municipais de 2015 froito do acordo entre Anova, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida, Equo e Espazo Ecosocialista Galego —non Podemos, que concorreu en solitario baixo as siglas Contigo Pódese—, acordou non participar nos comicios do 28 de maio ante a "falta dunha alternativa unitaria xenuinamente municipalista no espazo progresista", se ben tratará de "construír unha alternativa" para a seguinte cita coas urnas, en 2027.

Diso informou a organización esta terza feira a través dun comunicado, no que explicou que non se disolverá, senón que continuará presente na política local "desde a base" para traballar na construción dunha alternativa cidadá con capacidade de gobernar. Alternativa Cidadá Ames Novo, nome completo da formación, asegura que recibiu até catro propostas nos últimos meses, mais decidiu rexeitalas por diferentes motivos e non presentar listas nas próximas municipais para evitar contribuír a unha maior fragmentación do voto da esquerda.

Desde Ames Novo sinalan que estas propostas tiñan como denominador común a elaboración de listas electorais con posibilidades de obter unha maior representación no pleno, pero "non partían da asunción dos principios de asemblearismo e construción dunha alternativa desde a base".

Ao mesmo tempo, a organización fixo un balance positivo da súa participación nos órganos do Concello nos dous últimos mandatos. Así, no período 2015-2019, os seus catro representantes foron determinantes nun pleno no que o Goberno de José Miñóns —formado por nove de 21 edís— non tiña maioría para sacar adiante as cuestións sen acordalas previamente con Ames Novo.

Tamén sinalou que, no último mandato (2019-2023), o único representante de Ames Novo mantivo a política de apoio crítico ao Goberno progresista, hoxe liderado polo socialista Blas García, no "intento de profundar nas políticas a favor da maioría social e conseguindo a introdución de modificacións nese sentido nos diferentes orzamentos".

Ames Novo destacou que traballará para "reorganizar o espazo común da cidadanía progresista que, prescindindo de siglas, queira traballar a favor dun Ames máis centrado na xente". Por iso, a súa vontade é reiniciar no novo curso político, e unha vez superadas as municipais e xerais, un proceso de confluencia das persoas con vocación de goberno cara aos seguintes comicios.

Por último, os membros da formación non fixeron recomendación de voto por ningunha das opcións que concorren ás locais o próximo 28 de maio, pero si chaman a cidadanía progresista a utilizar o seu voto de forma que Ames poida seguir contando cun goberno de progreso fronte ás alternativas "involucionistas" que, lamentou, representan as dúas candidaturas da extrema dereita (UCIN e Vox), así como a alternativa conservadora do PP.

Comentarios