Allariz aplicará o 'porta a porta'

O concello iniciará un proxecto piloto que visa mellorar as porcentaxes de reciclado e reducir os residuos que envía a Sogama. 

photo_camera [Colectores PaP en Hernani]

O alcalde de Allariz, Francisco García (BNG), anunciou que o concello encetará un proxecto piloto que visa instalar a recollida de lixo 'porta a porta' no municipio. A medida fomentará a reciclaxe entre a veciñanza e transformará os residuos orgánicos en compostaxe.

Unha iniciativa que comezará "de maneira voluntaria e altruista" entre as veciñas e veciños do concello previsibelmente no verán mais que "se funciona", sinalou García, "no 2015 aplicaremos unha bonificación no recibo de lixo dos participantes".

Allariz súmase así aos concellos que após rexeitaren a suba do canon de Sogama están a procurar modelos alternativos para a xestión de residuos. O primeiro foi Rianxo onde a equipa de goberno aprobou a adhesión do municipio á Mancomunidade do Barbanza. 

Agora son cada vez máis os concellos que están a valorar outros sistemas de recollida e tratamento do lixo cun dobre obxectivo, reducir o custe que suporá Sogama e pular por outras iniciativas que para alén de desbotaren a incineración, dean un valor engadido aos residuos através da súa transformación en compostaxe. 

"Ca subida de Sogama, e mantendo as cantidades, este ano o custo será de 155.000 euros", indicou o alcalde nacionalista ao anunciar a posta en marcha deste novo proxecto que comezará cunhas xornadas de concienciación entre a veciñanza. Un modelo de xestión que está a funcionar xa noutros territorios do Estado como Guipuzkoa.

A mudanza fundamental da recollida de lixo 'porta a porta' é a aparición dun novo colector ao que irán parar unicamente residuos orgánicos para posteriormente producir compost. 

Comentarios