O PSdeG reclama á Xunta que esgote "ao máximo posíbel" as convocatorias MIR na Atención Primaria

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, anunciou este sábado que presentará no Pleno do Parlamento desta semana unha moción con propostas para a mellora das condicións laborais na Atención Primaria.

O deputado socialista, Julio Torrado (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista, Julio Torrado (Foto: Nós Diario)

O PSdeG reclamará no Pleno do Parlamento galego desta semana a fin da “situación límite” que padecen as traballadoras e traballadores da sanidade pública tras “anos de recortes” desde “a chegada do PP ao Goberno galego”.

Nun comunicado de prensa, Torrado esixe en primeiro lugar “o compromiso do Goberno galego para esgotar até o final da Lexislatura o máximo posíbel das convocatorias de persoal nas especialidades e categorías relacionadas coa Atención Primaria tanto nos MIR como nas ofertas públicas de emprego”.

“Esta medida contribuiría a paliar a saturación destes profesionais, que hoxe están atendendo máis de 50 consultas ao día, e totalmente abandonados á súa sorte polo Goberno galego”, advirte o socialista.

Reclama ademais garantir a contratación do persoal eventual todo o tempo necesario para a cobertura que realizan, “erradicando a concatenación de contratos menores para facer o mesmo labor no mesmo posto”. O parlamentario socialista urxe a Consellaría de Sanidade a ampliar o tempo de contratación “nos chamados contratos de continuidade, até estabelecer un mínimo de dous anos con limitación xeográfica”.

Tamén propón a apertura dunha mesa de diálogo co colectivo de titores e titoras en Atención Primaria “na procura da mellora das condicións e facilidades para a cobertura de formación especializada”.

Por outra parte, o PSdeG reclama á Xunta un informe sobre as prazas de formación sanitaria especializada incluíndo o período 2020-2022, coas prazas solicitadas, as aprobadas e as incluídas en cada convocatoria con datos desagregados. Uns datos denunciados na sexta feira pola deputada do BNG Montse Prado.

Torrado responsabiliza o Goberno galego de “ter levado ao límite a Atención Primaria, situando Galiza por debaixo da media do Estado en investimento por habitante”. Tamén denuncia, como xa advertira Nós Diario, que a Galiza é a segunda autonomía do Estado que menos inviste en Atención Primaria, cun 11,6 por cento e só por diante de Madrid.

O PSdeG denuncia que os orzamentos da Consellaría de Sanidade “tan só aumentaron un 0,03 por cento neste ano, perdendo peso relativo, para un sistema que conta con 976 profesionais e 140 millóns de euros de Atención Primaria menos que no ano 2009, mentres hai na Galiza 450 médicos menos por cada 100.000 habitantes, 30 menos dos 480 da media de España”.

Ademais, Torrado alerta da “constante precarización” de Medicina Interna, que “está detrás do conflito desatado polo Goberno galego cos profesionais deste servizo, até o punto de que os xefes de servizo de Interna nos hospitais públicos de Lugo, A Coruña e Pontevedra, veñen de asinar un documento de reivindicacións avalado pola Sociedade Galega de Médicos Internistas e o Colexio Médico de Ourense”.

Comentarios