Opinión

A orquestra do Titanic

Regálaslle horas non retribuídas ao Sergas cada día e nunca son abondo. Falo pola túa tranquilidade e a saúde dos teus doentes, que son "teus" dende o momento que sabes cales son as túas obrigas e actúas conforme a elas. As axendas de calidade na Medicina de Familia son unha utopía perdida na liña do horizonte e nos papeis do Plan Galego da Atención Primaria. Con todo, a sobrecarga asistencial sempre é susceptible de aumentar. Na porta de entrada da Sanidade Pública habitamos un presente sen futuro que ten certo paralelismo co da orquestra do Titanic. Hai un problema estrutural co déficit de efectivos que non imos poder compensar a curto-medio prazo, unha falla de vontade das administracións para virar o rumbo, un cadro de persoal envellecido e canso, unha eira varrida para mallar no negocio dos seguros privados e unha resiliencia das sanitarias que fai auga no medio da tormenta perfecta. A maiores disto, cada vez é máis difícil solicitar unha avaliación dos nosos pacientes noutras especialidades lastradas polos tempos das listas de agarda nalgúns casos ou pola imposibilidade de acceder a elas de xeito directo noutros. Os conflitos que se están a vivir nalgúns servizos hospitalarios co aprazamento de milleiros de consultas saturan aínda máis os Centros de Saúde e os Servizos de Urxencias.

Despois dunha xornada maratoniana nunca tes a sensación de ter estado á altura. Miras o reloxo con cada enfermo, acumulas atraso, acoutas conversas, minoras a escoita, limitas exploracións, dosificas a empatía, negocias domicilios, protéxeste coa solicitude de probas complementarias e, ás veces, fas terapia con aqueles que veñen pedir acorro. -Desculpa a demora, -Non te preocupes, véseche canso, -Como para non estalo, falta a cuarta parte das doutoras do centro e ningunha ten substituta, así que estamos a ver os nosos pacientes e os das compañeiras ausentes. Levamos nestas dous anos de pandemia e non albisco melloría. A maiores non cobren nin as xubilacións dende hai meses, por iso andamos dobrando quendas e con xornadas ordinarias onde vemos a máis de cincuenta persoas. Cada día peor, mais desculpa, en que te podo axudar?

Comentarios