Comesaña: “Os galegos poden ir tranquilos aos seus centros de saúde”

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, enviou este domingo unha mensaxe de "tranquilidade" ás galegas e galegos porque, aínda que recoñeceu que a sanidade pública "pasa por un momento complicado sempre que chega o verán", o sistema sanitario galego é "forte" e "demostrouno, con nota, na pandemia".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)

Nunha entrevista na Cadea Ser, que decorreu na mesma semana en que SOS Sanidade presentou unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento, o conselleiro asegurou que as galegas e galegos "poden ir tranquilos" aos seus centros de saúde e tamén aos hospitais de Galiza, a pesar da situación de colapso que padece a Atención Primaria e das queixas de médicas e médicos internistas.

En todo caso, García Comesaña sinalou que existe "un problema de médicos especialistas" pero, insistiu en que "a chave de cantos se forman e como se forman" tena o Ministerio de Sanidade. Nesta mesma liña, lembrou que "desde hai anos" a Xunta reclama "máis capacidade para formar" porque, continuou, "víase que iamos chegar a esta situación porque cando un médico se xubila, non hai outro médico para substituír".

Así, reivindicou que a Xunta "está a pór en marcha medidas e solucións para atallar isto". Entre elas, "ofrecer aos MIR de Familia un contrato cunha praza en propiedade e unha retribución razoábel: o que cobra un médico de Familia que faga dous gardas ao mes". Non deu cifras, tras a polémica producida após as declaracións de Alfonso Rueda, presidente da Xunta.

Para Comesaña, é a oposición a que está "colapsada"

Cuestionado sobre se os médicos non quedan na Galiza tras formarse debido ás condicións laborais e salariais, argumentou que a oposición "está colapsada coa Atención Primaria".

"Levan tanto tempo dicindo que estamos a desmantelar a sanidade, que chega a pandemia e saímos con nota, así que teñen dúas opcións: dicir que se equivocaron e mentiron ou sostelo e non emendalo, que é o que están a facer", criticou.

Tamén acusou a oposición de empregar “argumentos falsos" para "desprestixiar a sanidade pública".

Por outra parte, confirmou que a partir de outono recibirán a cuarta dose da vacina da Covid-19 as persoas maiores de 80 anos, como acordou a Comisión de Saúde Pública.

Comentarios