"Desde o PP queremos pedir ao Goberno de Sánchez que abandone a folga de brazos caídos e que asuma as poucas competencias que quedan", esgrimiu Prado, quen, tras unha reunión con membros da Comisión de Sanidade do seu partido, urxiu o Executivo estatal a considerar a Atención Primaria como "unha prioridade".
Fíxoo no mesmo día en que SOS Sanidade presentaba no Parlamento da Galiza unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para reclamarlle á Xunta de Galiza unha maior dedicación de recursos para a Atención Primaria e que deixe atrás a época de recortes.
En concreto, Prado demandou actuar en tres cuestións que ve chave: cambiar o sistema de elección de prazas MIR, actualizar o sistema de acreditación de prazas e crear a especialidade de Urxencias.
Tamén se dirixiu ao Goberno bipartito da Xunta, a quen acusou de deixar marchar “moitos médicos” a Portugal, a pesar de que o orzamento dedicado polo Executivo galego á Atención Primaria era maior en 2009, último ano en que gobernou a coalición PSOE-BNG, que hoxe. De feito, o galego é o único do Estado que recortou en Primaria.
Fronte á "inacción" e "mentiras" da oposición, dixo, a Xunta "leva anos tomando medidas de reorganización e transformación", como o sistema de xestión da demanda, iniciativas de mellora da accesibilidade aos centros de saúde, a implantación de axendas de calidade, a publicación de carteiras de servizos ou a instrución que permite ao persoal de Primaria pedir calquera proba médica.
Salientou a creación dunha nova categoría de facultativo especialista en Atención Primaria.
Após as múltiples protestas do colectivo de médicas e médicos, Prado rexeitou que se poña o "foco" nos salarios dos facultativos -Alfonso Rueda, presidente da Xunta, asegurou que un profesional de Atención Primaria cobra 65.000 euros ao ano máis gardas- e avogou por centrarse no impulso de medidas que poidan contribuír a solucionar as carencias de facultativos.
En canto a como conciliar a súa afirmación de que a sanidade galega é unha "envexa" en España e Europa coas queixas que recolle o Valedor do Pobo sobre esta área ou o impulso da iniciativa lexislativa popular rexistrada esta mesma cuarta feira, lembrou as "miles" de probas e de persoas atendidas en centros de saúde e hospitais galegos.
Así mesmo, lembrou que o PP non nega que haxa problemas de persoal, pero insistiu en que a falta de médicos non só afecta á Galiza senón tamén a outros territorios do Estado.