O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ofreceu este domingo ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto decorrido en Sigüeiro, "sentar" para "empezar a traballar" e asignar "140 millóns de euros adicionais" nos próximos orzamentos.
Esta partida, dixo, permitiría "equiparar o investimento" en Atención Primaria da Galiza co resto do Estado español.
Formoso urxe equiparar o investimento galego na Primaria co do resto do Estado español
Así, González Formoso instou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a "ofrecer solucións ao colapso e saturación sanitaria" na súa comparecencia no pleno do Parlamento desta semana.
A crise do sistema sanitario, precisou o líder socialista, afecta "todos os ámbitos da Atención Primaria", onde "resulta difícil conseguir unha cita antes de 14 días".
Mais tamén na atención hospitalaria, dado que o tempo de agarda para a diagnose dunha especialidade pode chegar até os sete ou oito meses, "unha situación inédita no sistema sanitario galego", precisou González Formoso.
A isto, subliñou, engádese "o colapso das urxencias", con "corredores ateigados de xente" que ten que agardar "48 horas para ter unha habitación".
Parlamento
No pleno do Parlamento galego desta terza feira comparecerá o conselleiro de Sanidade, a petición propia logo de solicitalo previamente o BNG, para dar conta da situación do Sergas. Aliás, os socialistas interpelarano con "cuestións concretas" sobre, por exemplo, a "falta de efectivos".