As eivas na sanidade pública e a alza dos prezos centrarán o pleno do Parlamento

BNG e PSdeG preparan varias cuestións para interpelar o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, na que será a súa segunda sesión de control desde que accedeu ao cargo.
Reunión da Xunta de Portavoces no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión da Xunta de Portavoces no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)

A sesión plenaria desta semana pivotará sobre a situación da sanidade, que acumulou as tensións derivadas da pandemia xunto á falta de facultativos, especialmente en Atención Primaria, xunto con outros problemas en servizos como o de Medicina Interna, cuxos médicos se sumaron ás protestas nas últimas datas.

Así, xunto á comparecencia a petición propia —previamente solicitada polo BNG— do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que decorrerá a vindeira terza feira, sumarase tamén a pregunta na sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que formulará o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez.

Mais para os socialistas non será "suficiente" a comparecencia do titular da carteira sanitaria e, por iso, tamén introduciron unha interpelación que deberá responder Comesaña durante a sesión desta semana con "preguntas concretas" sobre, por exemplo, a falta de efectivos.

Na que constituirá a súa segunda sesión de control desde que asumiu as rendas da Xunta da Galiza, o presidente tamén deberá responder as preguntas da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sobre a "crise de prezos", un asunto que tamén abordou na reunión da pasada segunda feira, 6 de xuño, á que levou un paquete de medidas cifrado en 700 millóns de euros para aumentar as pensións non contributivas ou facer compatíbel a Risga co ingreso mínimo vital, xunto con actuacións para as pemes.

Na sesión plenaria, os populares introduciron, entre outras cuestións, a preocupación pola desaparición de liñas de transporte no mapa inicialmente deseñado polo Goberno estatal, o que pon en cuestión, en palabras do viceportapoz popular Alberto Pazos Couñago esa "tan cacarexada" protección da "España baleirada".

Aliás, o "boom eólico" será outro dos temas que se abordarán no pleno, con iniciativas tanto do PPdeG —que preguntará á Xunta sobre o desenvolvemento eólico e leva unha proposición non de lei—, como do PSdeG —que tamén cuestionará sobre o modelo do Goberno galego—, así como unha interpelación do BNG.

Dúas propostas lexislativas

Á marxe destes asuntos, terá lugar o debate da toma en consideración de dúas proposicións de lei a cargo da oposición, é dicir, a decisión de se se admiten ou non por parte da Cámara para a súa tramitación posterior.

Por unha parte, os socialistas incluíron unha modificación do decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Galiza en materia de igualdade, co fin de garantir unha presenza mínima de mulleres en cada un dos órganos e entidades da Administración pública.

Noutra orde, o BNG leva ao pleno a toma en consideración da súa lei galega de residencias de maiores, coa que aspiran a unha "vellez digna", e na que se estabelecen ratios de persoal, unha organización interna dos centros e garantías de información e sanitarias, entre outras cuestións, para as persoas usuarias.

Comentarios