25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

Rueda apela aos "símbolos nos que cabemos todos" nun españolista discurso durante a Ofrenda ao Apóstolo

"Nada pode estar por riba do que une aos españois", dixo o presidente da Xunta.
Alfonso Rueda, en primeiro plano, acompañado de Alberto Núñez Feixoo, Miguel Santalices e Pedro Branco. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, en primeiro plano, acompañado de Alberto Núñez Feixoo, Miguel Santalices e Pedro Branco. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, exerceu esta terza feira por vez primeira como delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo, un acto no que subliñou que "os españois comezaron unha nova etapa nesta senda compartida que é o noso país" tras as eleccións do pasado 23 de xullo e considerou que as institucións só "acertarán" neste proceso se se antepón "o ben común". "Nada pode estar por riba do que une aos españois de ambos os hemisferios", dixo Rueda, parafraseando a Constitución de Cádiz, nunha alocución na que sinalou que a figura do Apóstolo, "exerce como recordatorio perenne da importancia de que España e Galiza sigan avanzando unidas" a pesar das "lexítimas diferenzas de pensamento", de intereses particulares ou de fe, "que non poden impedir que atopemos a maneira de collernos das mans para seguir avanzando unidos".

Rueda comezou a súa intervención lembrando que esta, a súa primeira Ofrenda como delegado rexio, é tamén a primeira celebración presidida polo novo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, ao que desexou moita sorte na súa desempeño, destacando que a "exemplar transición da Arquidiocese de Santiago" supón "un exemplo para todos dentro e fóra da Igrexa".

"Estes últimos días, os españois comezamos unha nova etapa nesta senda compartida que é o noso país", engadiu Rueda, en referencia ás eleccións estatais. "Como sabe calquera bo camiñante, cando un grupo afronta unha bifurcación, non debe dividirse nin quedar paralizado polas naturais incertezas ou polo medo. Sexa cal for a alternativa que se tome, resultará máis árida e pedregosa cando os primeiros pasos parten ou poderían partir da fractura ou da desafección", apostilou.

Neste senso, reivindicou o papel dos representantes públicos como "avogados defensores da pluralidade", para quen "a individualidade debe quedar en segundo plano". "Os responsábeis públicos debemos de ter sempre presente que, no exercicio do noso cargo non nos representamos a nós mesmos, nin tampouco aos nosos afíns", engadiu.

Rueda reivindicou os "símbolos nos que cabemos todos"

Na Ofrenda, Alfonso Rueda chamou a "recuperar o valor dos símbolos nos que cabemos todos" e a "reforzar a credibilidade dos representantes electos", "protexer a quen necesita amparo e promover un progreso racional e equilibrado", para que, "baixo a tutela da coroa" poida construírse "unha nación aberta, próspera e acolledora" na que "cada español e cada galego atopen a mesma emoción, o mesmo confort e a mesma paz" que os peregrinos que "contemplan por primeira vez o botafumeiro".

A continuación, reivindicou o "estilo de vida do peregrino", un bastión da existencia "tranquila, sensata e reflexiva", e aplaudiu que "cada vez son máis os distintos acentos" que chegan até a Catedral. "O Camiño de Santiago rexistra unha afluencia alta que constata non só a recuperación do fluxo turístico, se non tamén resalta principios que algúns crían esquecidos", destacou. Entre eles, mencionou a introspección, a calma, a procura interior, o sacrificio ou o compañeirismo.

Para concluír, o presidente da Xunta lembrou tamén na súa intervención ás vítimas e familiares do accidente ferroviario de Angrois, "que anubrou unha noite do Apóstolo de hai hoxe dez anos". "Para as vítimas, para os que sobreviviron a aquel sinistro e para todos os profesionais e voluntarios que aqueles días traballaron e velaron polas vítimas, vaia o noso respaldo e a nosa reclamación de Xustiza", dixo.

Pola súa parte, o arcebispo Francisco Prieto pediu que os representantes electos nos recentes comicios xerais "dediquen os mellores esforzos ás exixencias do ben común" e actúen "con responsabilidade política, por riba das lexítimas diferenzas", co obxectivo de "construír unha sociedade en paz, cimentada na verdade, a xustiza e a liberdade".

Comentarios