Alcaldías do PP, molestas pola xestión dos incendios

A xestión dos incendios está a provocar fendas entre os Gobernos do PP dos concellos afectados e a Xunta da Galiza. As críticas céntranse na ausencia de medios para loitar contra o lume e na falla de coordinación dos operativos de extinción. Os argumentos do presidente galego, Alfonso Rueda, non convencen aos seus alcaldes.
Incendio no Barco de Valdeorras. (Foto: Europa Press)
photo_camera Incendio no Barco de Valdeorras. (Foto: Europa Press)

O malestar co Goberno galego pálpase na totalidade dos concellos afectados nestes últimos días polos incendios forestais. Sen ir máis, lonxe, na terza feira, nunha reunión realizada no centro de mando da Pobra do Brollón entre alcaldes do distrito forestal VIII do Val de Lemos e responsábeis da Administración galega,  a representante do Goberno do Courel expresou con toda contundencia as súas queixas á xestión do Executivo de Rueda.

Segundo sinalaron Nós Diario algunhas das persoas asistentes á reunión da Pobra do Brollón, a tenente de alcalde do Courel reprochou aos membros do Goberno galego a falla de medios para combater o lume, a descoordinación no operativo contra incendios e os criterios seguidos á hora de desaloxar os núcleos do seu concello. Neste sentido, a opinión estendida entre as autoridades locais do Courel é que o desaloxo favoreceu a extensión do lume nos distintos núcleos.

Os termos da intervención da responsábel do Goberno do Courel non sorprende entre a veciñanza deste concello. A este respecto, sinalan que se limita a reproducir o que desde o Executivo local trasladaron ao longo de toda esta semana á poboación. Nesa dirección, existe unha opinión xeneralizada de que “a Xunta nos deixou tirados” e que “só a veciñanza e os soutos impediron que todos os lugares remataran arrasados polas lapas”.

Os grupos de Goberno dos concellos da comarca de Valdeorras rexidos polos populares son dunha opinión semellante aos seus compañeiros do Courel. Así, no caso de Rubiá, presidido polo alcalde popular Elías Rodríguez, preparan solicitar a declaración da comarca como zona catastrófica, na liña dos concellos do Barco e Carballeda, adoptando unha posición diverxente á defendida polo presidente Alfonso Rueda na terza feira. Ao tempo, as autoridades locais de Rubiá lamentan a falla de medios, tocándolle  á veciñanza loitar sen apoio externo contra o lume.

Carballeda de Valdeorras é outro dos municipios afectados moi duramente polo lume e gobernado polo PP con maioría absoluta. Tamén, neste caso, solicitarán a declaración da comarca como zona catastrófica, sinalando fontes do Goberno a Nós Diario que “a actitude da Xunta non ten nome” e responsabilizando á Administración galega de atrasar os trámites para poder contar con brigadas municipais de incendios.

Queixas contra o titular de Medio Rural

A dotación de medios é unha reivindicación común a todos os concellos afectados polos lumes. No caso das comarcas de Valdeorras e Monterrei, os dirixentes populares xa achegaron o seu malestar ao presidente do PP ourensán, José Manuel Baltar, e sitúan no foco das súas críticas ao conselleiro de Medio Rural, José González.

Precisamente desde o círculo deste indican a Nós Diario que “á hora da verdade está atopando máis compresión nos alcaldes do PSOE e BNG que nos seus propios compañeiros de partido”.

Comentarios