A alcaldesa de Santiago reprocha a Rueda o seu "desprezo" pola capital e denuncia o uso "partidista" da Xunta
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, reprocha á Xunta da Galiza o seu "desprezo" pola capital galega e denunciou o uso "partidista" da Administración autonómica, despois de que esta segunda feira o Consello da Xunta acordase unha colaboración de 12 millóns de euros co Concello de Ferrol, e que chegará aos 185 millóns en diversas actuacións na comarca, para a rehabilitación de edificios e reurbanización.
Nunha carta aberta á veciñanza de Compostela, Sanmartín destacou que, cando se solicitou para Santiago e "ante unha proposta similar", o Instituto Galego da Vivenda e Solo trasladou que "non se ían a realizar programas específicos de colaboración con concellos concretos".
"Non buscamos estabelecer disputas localistas cando Compostela ten máis que acreditado que inclúe nos seus intereses como capital o ben do conxunto do país e a colaboración con todas as administracións a favor dese obxectivo", resalta a rexedora nesa misiva. Con todo, sinala a "falta de decoro político" do PP na Xunta "cando utiliza actos institucionais para converter en protagonistas das actuacións realizadas con recursos públicos os seus axentes electorais en cada concello".
Neste sentido, tamén lembra as palabras de hai uns días da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nas que afirmaba que "a Xunta gañou as eleccións", unhas declaracións que "demostran a mestura entre a institución e o partido".
"Non é posíbel tampouco permanecer en silencio ante a descortesía do presidente da Xunta que segue atrasando desde o principio da lexislatura unha entrevista coa representación do Concello de Santiago, coa que non mantivo ningunha reunión formal desde outubro de 2023, ou ante a súa falta de palabra ao non convocar o Consello da Capitalidade como se comprometeu", recolle na carta.
A alcaldesa lembra que a capital galega ten recoñecido este estatuto nunha lei "que obriga a que exista unha compensación xusta por tal circunstancia" e aproveita para incidir en que o PP, desde a Xunta, "mira para outro lado ou búrlase de Santiago enviando unha ridícula esmola".
Sanmartín tamén destaca na súa misiva que Santiago acolle "moitos servizos" para o conxunto da Galiza, entre os que destacou o Complexo Hospitalario, "que necesita maior compromiso por parte da Xunta". Sanmartín conclúe o escrito dirixidos aos seus veciños e veciñas cunha solicitude, "que non se continúen entorpecendo as políticas municipais".

