Os alcaldes do PP non apoian a marcha pola sanidade na Mariña

A Plataforma Sanitaria da Mariña recibe estes días numerosos apoios na convocatoria de manifestación desta cuarta feira e reclama recuperar a área sanitaria para a comarca. 
Montse Porteiro, voceira do colectivo, informando da manifestación no mercado do Valadouro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Montse Porteiro, voceira do colectivo, informando da manifestación no mercado do Valadouro (Foto: Nós Diario).

A Plataforma Sanitaria da Mariña comezou a recibir esta segunda e terza feira as primeiras mensaxes de alcaldías da comarca en apoio á manifestación desta cuarta feira en Burela (con saída do Hospital da Mariña, ás 20 horas) en defensa da sanidade pública. A través de pequenos vídeos que chegaron estes días, as alcaldesas de Viveiro  e Trabada, máis os alcaldes de Burela e Foz, fixeron un chamamento á veciñanza para que acuda. Desde a Plataforma agardan que cheguen máis como os dos concellos de Ribadeo e Barreiros, entre outros.

A voceira da Plataforma, Montse Porteiro, explica a Nós Diario que agardan recibir “até o mesmo día da manifestación” máis mostras de solidariedade “agás das alcaldías do PP -en relación aos municipios de Cervo, Xove, Mondoñedo e Vicedo- tal e como se están comportando nestes momentos”. Neste sentido, lembra o apoio que tiveron durante a concentración en protesta pola situación do servizo de pediatría “do presidente e portavoz do PP de Viveiro, Óscar Rodríguez, que foi valente e agora anunciou que non será candidato ás eleccións”.

A reivindicación central da plataforma é a recuperación da área sanitaria eliminada no ano 2018. Esa decisión supuxo a recentralización dos servizos na macroárea de Lugo, onde se construíu un hospital que sería quen de absorber as derivacións que chegan desde as antigas áreas da Mariña e Monforte de Lemos. 

Para este colectivo “a supresión da área sanitaria forma parte da estratexia do Goberno da Xunta para ir baleirando de contido os centros sanitarios máis periféricos e rurais, capitalizando a asistencia sanitaria nas cidades á vez que se aumenta o desvío de fondos para a sanidade privada”. 

Atención Primaria e falta de persoal médico

Tamén advirten da situación de emerxencia que está a vivir a Atención Primaria da Mariña, “con máis do 50% de facultativos de medicina de familia ausentes por falta de substitucións, centros de saúde sen eles e a escandalosa situación que está a vivir a pediatría de Atención Primaria, sen profesionais para atender as crianzas e cuxas familias vense na obriga de acudir ao servizo de urxencias ou a pediatras privados, se é que teñen medios económicos”.

A portavoz da plataforma pon como exemplo o caso de Viveiro, “que quedou sen facultativo cando tiña que ter dez, ou Cervo que estivo na mesma situación”. 

Como consecuencia da falta de persoal, a plataforma recibiu denuncias de pacientes “que tiveron que agardar até tres anos para consultas de cardioloxía, traumatoloxía ou reumatoloxía”, tempos semellantes en xinecoloxía e “até ano e medio para pedir unha ecografía”.

Outra das denuncias é a situación dos servizos de atención a domicilio e paliativos “que de servir a toda A Mariña, por falta de persoal, cando falta un ou unha titular, deixaron de atender de maneira presencial coa excepción dos municipios que entraron no plan experimental”. 

Ademais da manifestación de mañá en Burela, a plataforma mariñá continúa a recoller sinaturas en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de medidas urxentes para fortalecer a Atención Primaria, promovida por SOS Sanidade Pública. Aseguran que está a ser un éxito tanto na comarca como no conxunto do país. Só na Mariña xa foron recollidas máis de 4.500 sinaturas e contan con asistir tamén á manifestación nacional que se convocou para o 12 de febreiro en Compostela.

Comentarios