Adrián Vázquez dimite como secretario xeral de Ciudadanos polo fracaso das negociacións co PP

O tamén eurodeputado defende que foi "partidario de sumar esforzos e pór a un lado diferenzas e divisións" e, nunha referencia velada ao líder de Ciutadans Catalunya, Carlos Carrizosa, indicou que o fixo "en privado e en público".
O até o de agora líder de Ciudadanos, Adrián Vázquez, nunha rolda de prensa. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O até o de agora líder de Ciudadanos, Adrián Vázquez, nunha rolda de prensa. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Adrián Vázquez dimitiu esta sexta feira do seu cargo de secretario xeral de Ciudadanos, pouco máis dun ano despois de asumilo, despois de fracasar as negociacións para concorrer xunto ao PP ás eleccións catalás e europeas. Cs e o PP informaran previamente de que as conversas para acudir a estes comicios nunha mesma paleleta non frutificaron, ante a "imposibilidade" de alcanzar un acordo que satisfaga as dúas partes. En consecuencia, Vázquez decidiu deixar o seu cargo.

Así o trasladou a través dunha carta, na que afirma que "non pode" ofrecer o seu compromiso a unha causa na que non cre "nin ser un obstáculo". "Decidín dar un paso á beira e pór o meu cargo de secretario xeral ao dispor do meu partido, con carácter inmediato, para que sexan outros quen tome as rendas de agora en diante", agregou o tamén líder 'laranxa' en Bruxelas.

Vázquez afirmou que marcha coa "tristura da decepción", pero tamén "desde a tranquilidade de quen o intenta até o final". "Tentámolo todo, e podo dicir pola miña parte, coa máxima serenidade e boa conciencia, que o tentei todo tamén para garantir un futuro a este proxecto político no que, como tantos outros, dediquei moitos anos da miña vida", explicou.

Sobre o fracaso das negociacións co PP, o líder da delegación europea de Ciudadanos defendeu que foi "partidario de sumar esforzos e pór a un lado diferenzas e divisións" e, nunha referencia velada ao líder de Ciutadans Catalunya, Carlos Carrizosa, indicou que o fixo "en privado e en público". Xa esta quinta feira, nun almorzo informativo, mostrárase duro con Carrizosa, pero sen nomealo. Pediulle que deixase de "mirarse o embigo".

Na súa carta, gabouse dos logros de Ciudadanos e recalcou as críticas que vén facendo ao presidente, Pedro Sánchez, polo "seu asalto ao Estado de Dereito" co "mercadeo cunha Lei de Amnistía para perpetuarse no poder". "Creo que nos atopamos ante un momento histórico que ameaza os nosos valores", insistiu, para pasar a defender que, ao seu xuízo, o acordo frustrado co PP era positivo para a cidadanía.

Vázquez asumiu a Secretaría Xeral de Ciudadanos en xaneiro de 2023, despois do proceso de refundación posto en marcha tras as eleccións andaluzas de 2022 para tentar remontar os sucesivos desastres electorais. Gañou as primarias formando unha dupla con Patricia Guasp, que asumiu a portavocía política da formación.

Aquel proceso interno abriu feridas no seo da formación, que se partiu en dous ao propor o ex deputado Edmundo Bal unha candidatura alternativa á de Vázquez e Guasp, apoiada polo aparello do partido. Formado en relacións internacionais, Vázquez (Madrid, 1982) desempeñouse como asesor de Ciudadanos na Eurocámara antes de converterse en eurodeputado.

O coordinador nacional de Ciudadanos, Carlos Pérez-Nievas, asumirá temporalmente as funcións de secretario xeral tras a dimisión de Vázquez.

Comentarios