Parlamento

A Xunta acepta realizar unha nova inspección en San Finx e afirma que "sempre" cumpriu

O BNG pide que se anule o permiso da mineira para verter residuais.
Estado en que se encontra o lugar das verteduras de San Finx (Foto: Plataforma contra a mina de San Finx).
photo_camera Verteduras na contorna da mina. (Foto: Plataforma contra a mina de San Finx)

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, defendeu esta cuarta feira que o Goberno galego sempre "cumpriu" a lei a respecto da mina de San Finx (Lousame, comarca de Noia) e no que ten a ver coa tramitación da depuradora de augas e verteduras e, neste sentido, sinalou que en outubro fará unha nova inspección á mina. Mesmo avanzou que "no caso de constatarse a reiteración do incumprimento das condicións de vertedura estabelecidas, farase efectiva a revogación da autorización".

Díxoo en resposta á deputada do BNG Rosana Pérez, quen lle pediu explicacións polas verteduras da empresa ás augas, que afectan á ría de Muros e Noia, após que se coñecesen os resultados das análises feitas en agosto, que demostraron que se superaron "até en 70 veces os niveis de cadmio permitidos".

A deputada nacionalista lembrou que hai varios altos cargos da Xunta da Galiza chamados a declarar como investigados ou así considerados tras a apertura de dilixencias polas autorizacións concedidas á empresa.

Vázquez asegurou que, se se reiteran os incumprimentos polos cales se abriu expediente a Tungsten San Finx e que poden implicar sancións graves de até 300.000 euros, tamén estará baixo a lupa a autorización á depuradora e poderase revogar no seu caso.

Mais Rosana Pérez dixo que se podería evitar a situación actual, incluído "o sarillo xudicial", se "se actuase en defensa da lei" e acusou a conselleira de "incumprir a lei de oficio, é o único que fan".

Ademais, lembrou a nacionalista que en febreiro deste ano foi cando se concedeu unha "autorización de verteduras polo que a Fiscalía abriu xa dilixencias, empezando pola propia directora de Augas da Galiza".

Comentarios