Abel Caballero, o alcalde alfa e omega

Abel Caballero (Ponteareas, 1946) goberna en Vigo desde 2007 e desde 2015 faino cunha ampla e cómoda maioría absoluta. Polémico, populista, localista, o alcalde vigués construíu un personaxe que engole a persoa e na que Vigo vai camiño de ser a súa cidade-estado, desligada de calquer proxecto con, para ou de Galiza. Eis un extracto da peza publicada no número 310 de Sermos Galiza.

1934859
photo_camera [Imaxe: SG] O alcalde, co grupo musical Maná

3Unha pasarela do porto de Vigo derrubouse no momento en que se celebraba un concerto do festival O Marisquiño e houbo máis de 450 persoas feridas. Un milagre que non houber que lamentar males maiores. O suceso, o pasado 13 de agosto, deu lugar a un cruce de acusacións entre Concello e Autoridade Portuaria nunha lea na que tamén quixo mergullarse a Xunta de Feixóo, que cría ver por vez primeira unha fenda por onde zoupar a Abel Caballero. Aínda é cedo para determinar se o acontecido no Marisquiño vai pasar factura ao alcalde de Vigo, rachando con esa imaxe de que goberna nunha balsa de aceite, sen sustos nin sobresaltos grazas á súa xestión. 

Polo momento, Caballero, continúa fiel ao seu persoal estilo: acusou o presidente da Xunta de non atender as súas chamadas na noite do accidente. En contraposición a ese desinterese, explicou o rexedor no seu programa televisivo semanal (Vigo de cerca), el peregrinou polos hospitais onde estaban as persoas feridas e mesmo contou como os pais dunha nena ferida de 13 anos lle dixeron que a rapaza era “moi abelista”. 
Unha anécdota narrada polo propio alcalde e que hai que sumar á ringleira de imaxes, actos, inauguracións e promesas que encadean á perfección nun termo tan usado ultimamente e tan polisémico como o de populismo e que Caballero semella lucir con orgullo. De presentar concertos en Castrelos ao Dinoseto, de bailar zumba diante de miles de persoas a inzar os barrios de Vigo con centos de bancos co logo da alcaldía ou chantar un pesqueiro nunha rotonda. 
 

[Podes ler a peza íntegra no número 310 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios