A redución de parlamentares será presentada a vindeira semana

O PP trasladará aos restantes grupos a proposta de rebaixar o número de deputad@s de 75 a 61.
Feijóo, presidente da Xunta
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Anunciábao o presidente da Xunta esta semana a través dos medios de comunicación e, nuns días, presentará a iniciativa formalmente no Parlamento da Galiza. Núñez Feijóo, sob pretexto da manida austeridade, proporá a eliminación de 14 deputad@s, ficando en 61 @s representantes políticos.

Segundo o secretario xeral do PPdeG Alfonso Rueda, o diñeiro aforrado na redución parlamentar (seis millóns de euros) destinaríase ao mantemento de servizos sociais que, doutra banda, xa foron retallados nos orzamentos. Segundo Rueda, o aforro investiríase na creación de 600 prazas en centros de día ou 500 en gardarías.

Os grupos da oposición seguen a criticar a iniciativa ao considerala un intento do grupo popular por mellorar os seus resultados nas vindeiras eleccións nacionais galegas. Segundo o voceiro nacional do BNG Guillerme Vázquez, "a medida pretende restrinxir a democracia" e tilda de "pucheirazo" a proposta do Partido Popular da que, din, "o BNG non participará".

O BNG, que reuniu na mañá do sábado boa parte d@s deputad@s, voceiros municipais e alcaldes; emprazou a Núñez Feijóo a desenvolver unha reforma en profundidade da lei electoral que "si mellore a calidade democrática" do noso país. Segundo o voceiro nacionalista, a reforma debería encamiñarse cara á verdadeira representatividade e proporcionalidade na escolla d@s representantes políticos. Para iso propuxo "unha circunscrición única" que garanta o mesmo valor aos votos, independentemente da súa procedencia (quer do interior, quer do eixo atlántico) e a "redución do limiar electoral de 5% a 3%".

Pola súa banda, o PSdeG criticou tamén a iniciativa do Partido Popular e acusou ao goberno de "cambiar as regras de xogo cando se sabe perdedor das eleccións".

No número 8 do semanario SermosGaliza pódese atopar, na crónica política da semana titulada Feijóo cociña unha fraude electoral, unha análise máis pormenorizada desta cuestión

 

Comentarios