A oposición abandona a Comisión de Sanidade como mostra a rexeitamento ao proceder do PP

A tramitación do Plan de dinamización demográfica da Galiza "pola vía de urxencia" e sen o cumprimento "dos prazos" motivaron o abandono das representantes de BNG, AGE e PSdeG. As deputadas da oposición protestaron desta maneira contra "a anomalía" que supón o debate e aprobación do Plan proposto polo PP. 

photo_camera Cadeiras baleiras da oposición en protesta polo proceder do Partido Popular

Só o grupo no goberno apoiou o proceder do executivo galego dun dos textos lexislativos máis relevantes da lexislatura que ficaba pendente da época anterior. O Plan de dinamización demográfica de Galiza chegaba a pasada semana á Cámara galega para a súa tramitación parlamentar, porén o goberno de Alberto Núñez Feijóo decidiu a última hora que en troca de ser levado a pleno pola vía lexislativa ordinaria este fose tramitado de urxencia en comisión parlamentar. Así o denunciaban a Carme Adán, Eva Solla e Carmen Acuña ao comezo da comisión. 

BNG, AGE e PSdeG exixían que o Plan se tramitase en Pleno parlamentar e coa presenza dun(ha) representante do goberno galego

Avisados con menos de 48 horas de adianto os grupos da oposición denunciaron a "falta de rigor" do executivo e exixiron á Mesa parlamentar que a tramitación do Plan se desenvolvese en pleno de acordo coa relevancia do mesmo. "É unha anomalía todo o que estamos a facer", denuncuaba a nacionalista Carme Adán "este é un plan que ten a suficiente entidade como para ir a pleno". A deputada do BNG preguntouse na súa intervención "cal é a présa do Partido Popular" por tramitar pola vía de urxencia e insinuou que o interese do executivo galego é "desviar a atención" a respecto das polémicas fotografías do presidente co narco Marcial Dorado. 

Neste senso, BNG, AGE e PSdeG exixiron a tramitación pola vía ordinaria e en Pleno parlamentar do Plan ao tempo que demandaron a presenza do presidente ou conselleira na explicación gobernamental do anteproxecto. "Alguén con capacidade de decisión política", insistiron desde a oposición entrementres criticaron que fose a directora xeral de inclusión a que tomase parte da ponencia esta quinta feira. 

O PP acusou á oposición de empregar "arducias legais" para xustificar "non ter feito os deberes"

Malia os intentos da presidente da Mesa, a popular Marta Rodríguez Arias por levar adiante a tramitación en comisión do Plan demográfico, BNG, AGE e PSdeG decidiron finalmente abandonar a sala como protesta pola inflexibilidade do gupo popular. O representante do PP aseguraba que se estaba "a cumprir de maneira escrupulosa o regulamento" e acusaba aos grupos da oposición de empregar "arducias legais para non entrar no fondo da cuestión". O deputado asegurou que as representantes políticas das demais forzas prcuraban "facer como os nenos cando non estudan e queren mudar a data do exame". Espetándolles aos grupos da oposición un "hai que facer os deberes". 

Comentarios