18-F

Xa é oficial: o DOG ratifica a disolución do Parlamento e a convocatoria de eleccións para o 18 de febreiro

O pleno constitutivo da nova Cámara galega será o 18 de marzo, un mes despois da cita coas urnas.

Ángeles Vázquez, Diego Calvo e Alfonso Rueda, no último pleno antes do anuncio da convocatoria electoral. (Foto: Arxina)
photo_camera Ángeles Vázquez, Diego Calvo e Alfonso Rueda, no último pleno antes do anuncio da convocatoria electoral. (Foto: Arxina)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta terza feira o decreto polo que se disolve o Parlamento galego e, en consecuencia, quedan convocadas de forma oficial as eleccións para o próximo 18 de febreiro. Entra en vigor hoxe mesmo, polo que a Cámara pasará agora a funcionar unicamente cos órganos de transición desta XI Lexislatura.

O decreto 150/2023, de 25 de decembro, de disolución do Parlamento da Galiza e convocatoria de eleccións, enmárcase no previsto na Lei orgánica 1/1981, de 6 de abril, do Estatuto de autonomía da Galiza; na Lei 1/1983, de 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e na Lei 8/1985, de 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento, e publícase previa deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do 21 de decembro.

En virtude deste decreto, queda disolto o Parlamento elixido o 12 de xullo de 2020, data que se reprogramara con respecto ao 5 de abril, debido á pandemia provocada pola Covid-19. Así, convócanse novos comicios á Cámara para o 18 de febreiro de 2024, que logo escollerá a persoa que ocupará a Presidencia da Xunta.

En aplicación do artigo 9 da Lei 8/1985, de 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, o número de deputados e deputadas correspondente a cada circunscrición é de 14 por Lugo e Ourense, 25 pola Coruña e 22 por Pontevedra. A campaña electoral durará 15 días, comezará ás 00 horas do día 2 de febreiro e finalizará ás 24 horas do 16 de febreiro. O sábado 17 será a xornada de reflexión.

18 de marzo, sesión constitutiva

Unha vez decorridas as eleccións convocadas por este decreto, a Cámara resultante reunirase para a súa sesión constitutiva o día 18 de marzo 2024, ás 11 horas, para dar paso á duodécima lexislatura galega.

Comentarios