18-F

Abre o prazo para pedir o voto por correo: isto é o que precisas saber

O prazo de depósito do voto rematará a cuarta feira 14 de febreiro, a catro días das eleccións.
Unha traballadora de Correos levando os votos a unha mesa electoral o pasado 23 de xullo. (Foto: Álex Zea / Europa Press)
photo_camera Unha traballadora de Correos levando os votos a unha mesa electoral o pasado 23 de xullo. (Foto: Álex Zea / Europa Press)

Os galegos e galegas xa podemos solicitar o voto por correo para as próximas eleccións ao Parlamento da Galiza, convocadas para o domingo 18 de febreiro de 2024, de acordo co decreto publicado esta mesma terza feira no Diario Oficial da Galiza. As persoas electoras que decidan votar desta forma poderán solicitar até o día 8 de febreiro —incluído— o certificado da súa inscrición no Centro Electoral da Galiza.

A obtención deste certificado é requisito imprescindíbel para poder emitir o voto por correspondencia e pode solicitarse por vía telemática, a través da web www.correos.es, ou presencialmente en calquera oficina de Correos de todo o Estado español, lembran desde a institución nun comunicado.

Desde Correos precisan tamén que as e os cidadáns poden pedir o voto por correo igualmente na devandita web, acreditando a súa identidade mediante sinatura electrónica e aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persona física recoñecidos polo Ministerio de Industria e mais o DNI electrónico.

Aquelas e aqueles interesados tamén poden acudir a unha oficina física, sendo necesaria a presenza do votante, salvo enfermidade ou discapacidade —acreditada con certificado médico—. Nese caso, pode ser presentada a solicitude en nome do elector por outra persoa autorizada notarial ou consularmente.

"Co obxectivo de axilizar os trámites e evitar esperas, a compañía ofrece a opción de cita previa para a solicitude do voto en oficinas, a través da app, a web de Correos ou a Oficina Virtual", subliñou a empresa, que entregará as solicitudes recibidas nas Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral na Galiza, que, a partir do 29 de xaneiro de 2024, enviarán a documentación necesaria aos cidadáns para que poidan exercer o voto.

Correos indicou que as persoas que soliciten este tipo de votación recibirana no enderezo que indiquen, que non ten por que coincidir co seu domicilio habitual. O prazo de depósito do voto rematará o 14 de febreiro.

Comentarios