O fiscal xeral do Estado acusa de catro delitos a Mas, Ortega e Rigau polo 9N

Torres-Dulce propón querelarse contra o presidente da Generalitat, a vice-presidenta e a conselleira de Educación por desobediencia, malversación, usurpación de funcións e prevaricación.

TORRES-DULCE

Eduardo Torres-Dulce ve até catro delitos no comportamento de Artur Mas, Joana Ortega e Irene Rigau no 9N. Así o expuxo na Xunta de Fiscais de Sala, nun informe no que sostén que o ministerio público ve indicios de delitos de prevaricación, desobediencia, malversación e usurpación de funcións na actuación do president da Generalitat, a súa segunda e da conselleira de Educación de Catalunya.

Cómpre lembrar que a actuación de Torres-Dulce non está sometida á opinión dos integrantes da Xunta de Fiscais de Sala, pois o que eles decidan non é vinculante. Esta Xunta está integrada por 26 fiscais, na súa maioría nomeados na etapa de Conde-Pumpido como Fiscal Xeral do Estado.

Estratexia

Segundo a cadea Ser, a Fiscalía Xeral sostén que o goberno da Generalitat "en cumprimento do seu designio orixinal de convocar unha consulta materialmente refrendaria sobre o destino político de Cataluña, coa única fin de eludir o control xurisdicional que até entón se lle obstaculizara, adoptou unha nova estratexia: impulsar o mesmo proceso mediante actos xurídicos non formalizados e actos materiais de impulso".

O documento citado pola Ser afirma que "as persoas contra as que se dirixe a acción penal dispuxeron fondos públicos para consumar a desobediencia á suspensión facilitando a loxística e todos os medios materiais necesarios para a realización da consulta"

Máis en Països Catalans
Comentarios