As CUP piden “eleccións inmediatas, plebiscitarias e constituíntes”

A forza independentista únese á esixencia dunhas eleccións catalás antes das municipais e traballa na articulación dunha candidatura soberanista máis tamén anticapitalista. “Non renunciamos a nada”, di o seu deputado David Fernández.

David Fernández [Imaxe: CUP]
photo_camera David Fernández [Imaxe: CUP]

O deputado das CUP no Parlament David Fernández esixiu este sábado pola noite a convocatoria de "eleccións inmediatas cun duplo carácter: plebiscitario e constituínte". Reclamouno na súa intervención no acto 'Per a ruptura', celebrado no Casino Aliança do Poblenou co obxectivo de articular xunto a outras formacións unha candidatura independentista, anticapitalista e rupturista para as próximas eleccións autonómicas, pendentes de data pero que poderían celebrarse antes das municipais de maio.

"A complexidade do proceso non cabe nunha lista única", afirman os independentistas

Fernández defendeu que as eleccións son indispensábeis para “avanzar cara á independencia”, e cargou contra a proposta do presidente da Generalitat, Artur Mas, de concorrer nunha lista soberanista única. "A pluralidade e a riqueza da sociedade non cabe en ningunha lista única; a complexidade do proceso non cabe en ningunha listaxe así",dixo. 

"Non hai liberación nacional sen liberación social. Non renunciaremos a nada", advertiu tamén Fernández, que xunto á súa formación traballa na articulación desta candidatura rupturista e independentista máis dunha vintena de entidades e partidos, entre os que figuran Procés Constituent -como observador- Comunistes de Catalunya e Arran, entre outros. Ao acto asistiron o deputado de ICV-EUiA no Parlament David Companyon e a presidenta de Òmnium Cultural, Muriel Casals.

Máis en Països Catalans
Comentarios