Editorial Sermos264

Ponto de non retorno

diada
photo_camera Un aspecto da Diada deste 11-S

O Estado acaba de cruzar o ponto de non retorno en Catalunya e de mostrar o seu rosto real. A ofensiva autoritaria de todos os aparatos coercitivos españois non é explicábel se facemos abstracción da natureza do réxime de 1978, lastrado por un vezo de orixe -o acordo cos herdeiros políticos do ditador- que nestes días se está a facer máis evidente que nunca.

Que nun Estado da UE se actúe contra institucións lexítimas en aplicación de medidas cautelares -España actúa como se o Tribunal Constitucional xa tivese xulgado a legalidade ou non do referendo, cando o único que fixo foi suspender precautoriamente a aplicación da súa lei- revela a ínfima calidade da democracia española. Esas medidas cautelares están a resultar na conculcación de direitos fundamentais, non só o de voto, senón o de libre expresión e o de reunión, sen os cais non é posíbel falarmos de democracia.

A loita do pobo catalán non é xa só un combate pola emancipación nacional, senón tamén pola democracia. E é unha loita que nos interpela a todas e a todos, tamén ás galegas e aos galegos, se aspiramos a un mínimo de dignidade.


[Este editorial aparece nas páxinas de opinión do Sermos264, disponíbel xa na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Máis en OPINIÓN
Comentarios