mércores 12/08/20

O ciclismo e a lembranza dos '20 anos sen Volta a Galiza' abren o caderno 'Xogar' desta semana

O Gaélico, as tolas aventuras do Súper Dépor no Brasil, o valor dos nosos equipos de fútbol de elite como activos económicos ou a figura de Hugo Mallo -o "gran capitán" do Celta no século XXI- teñen un oco esta semana no suplemento deportivo de Nós Diario, que abre cunha reportaxe histórica sobre a desaparecida Volta a Galiza, na que durante anos brillaron Miguel Indurain, Abraham Olano ou, tamén, o ínclito Lance Amstrong.

Miguel Indurain foi campión da Volta a Galiza en 1995
Miguel Indurain foi campión da Volta a Galiza en 1995

Agosto de 1995. Miguel Indurain, o flamante pentacampión do Tour de Francia, voa sobre as rúas de Ferrol, ateigadas por miles de afeccionados e afeccionadas ao deporte das dúas rodas. Era a primeira etapa da Volta a Galiza dese ano, que -por suposto- acabaría gañando o ciclista navarro. 

Un ano máis tarde o triunfador na proba galega foi un home chamado a ser o seu sucesor, o guipuscoano Abraham Olano, que engadía o seu nome a un rexistro no que figuraba xente do nivel de Laudelino Cubino, Marino Lejarreta, Vicente Belda, o ponteareano Emilio Rodríguez Barros -gañador da Vuelta a España en 1950 e irmán de Delio Rodríguez, que fixo o propio en 1945- ou Salvador Cardona, triunfador na edición inaugural de 1933 e coñecido por ser o primeiro ciclista do Estado español en facerse cunha etapa e en quedar entre os dez primeiros clasificados do Tour de Francia.

A Volta a Galiza conquistada por Olano en 1996 foi a décima que se disputaba ininterrompidamente desde o retorno en 1987 dunha proba marcada pola  intermitencia -entre ese ano e 1933 só se disputaron sete edicións-, pero que parecía máis que consolidada no calendario ciclista internacional.

E iso a pesar de verse prexudicada polo cambio de datas decidido o ano anterior pola organización da Volta Ciclista a España -até 1994 corriase en maio e pasou a ter lugar en setembro-, pois afectou á posición da Volta a Galiza como proba de referencia para preparar o Campionato do Mundo en ruta por parte dos principais clasicómanos.

Vítima do 'Caso Festina'

Nada facía prever a mediados da década dos 90 que a unha proba que parecía vivir o seu mellor momento nos seus máis de 60 anos de historia lle quedase menos dun lustro de vida, pero así foi. 

(Podes ler o artigo íntegro de '20 anos sen Volta a Galiza' no suplemento Xogar, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Marcos Gendre escribe sobre as tolas aventuras do Súper Dépor no Brasil no artigo 'Unha odisea branquiazul'; Tomás Teijeiro e Luciano Covelo deixan as súas opinións nas seccións 'Meta voante' e 'Pé a terra', e Hugo Mallo, o capitán do Celta, protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

comentarios