ESTADO

Rajoy cambia de idea e apraza as mudanzas no PP e no Goberno

O presidente do Goberno español opta de novo por deixar correr as crises e adiou posíbeis cambios que eran moi esperados no PP galego e dos que o seu líder estatal non falou na Executiva estatal que abría o curso, na que Feijóo pediu unha sentenza rápida sobre o caso Bárcenas.

Cospedal e Rajoy
photo_camera Cospedal e Rajoy

Pasou Rajoy todo o verán analizando a posibilidade de acometer importantes cambios no seu equipo de goberno ou na cúpula do PP, para así obter pulo político de cara ao curso que comeza e que se presume moi complicado para a formación popular, en plena desfeita económica e acurralada polo caso Bárcenas, entre outros problemas. Porén, e malia que se esperaba que a Executiva convocada polo líder do PP para este luns servise para poñer en marcha esa renovación -que era agardada con moito interese pol@s populares galeg@s, sobre todo por Feijóo- finalmente Rajoy preferiu seguir fiel ao seu estilo de deixar correr os asuntos máis importantes coa esperanza de que desaparezan da axenda e non aproveitou a xuntanza da dirección do seu partido para acometer mudanzas.

 

Limitouse Rajoy a teimar no que vai ser o seu discurso central deste exercicio, o dunhas supostas melloras económicas. De Bárcenas, pouco. A negación. “Diso xa está dito todo o que se tiña que dicir”, asegurou a porta pechada. Así o pensa tamén Feijóo, agora directamente sinalado polo caso e que declarou ás portas de Xénova que “toca que fale a Xustiza”, cuxo funcionamento criticou de xeito velado ao apuntar “que xa van varios meses escoitando as partes e agora xa é tempo dunha decisión inapelábel”. Porén, non é descartábel que o xuíz Ruz -que está a ser moi criticado por un instrución que permitiu o borrado de discos duros fundamentais- chame a declarar ao que era tesoureiro do PPdeG en 2006, xa con Feijóo como presidente da formación, o que poría o foco aínda máis na trama galega do caso Bárcenas.

Máis en Mundo
Comentarios