[NEO] COLONIZACIÓN

Os pobos indíxenas erguen a voz na ONU a prol da autodeterminación

Rexeitan as teorías sobre o descubrimento paridas no norte e o concepto capitalista da 'economía verde'. Na mesma liña , a Vía Campesiña chama á loita conxunta en todo o Planeta para que o eco chegue ao Brasil. Do 20 ao 22 de xuño decorrerá alí a Conferencia polo Desenvolvemento Sustentábel Río+20, das Nacións Unidas, ''onde só terán cabida os intereses das grandes corporacións''. A día de hoxe, 8 empresas controlan o 80% da inversión estranxeira directa

As críticas ao concepto capitalista da 'economía verde' protagonizaron as discusións do XI Foro Permanente de Asuntos Indíxenas da ONU, en que máis de dous mil delegados e delegadas de comunidades autóctonas de todo o Mundo debaten sobre o impacto da 'doutrina do descubrimento' sobre a súa cosmovisión e sobre a Nai Terra. Exixen perante as Nacións Unidas que garanta o dereito á autodeterminación dos pobos indíxenas.

"Os conquistadores europeos usaron a cruz e a espada para impor a súa doutrina dun deus e un rei, obtiveron dispensa papal para cristianizar os indíxenas e crearon a noción de razas superiores e inferiores", denunciou a aimara chilena Hortencia Hidalgo, para sinalar de seguido que "foi esa a cruel orixe do capitalismo".

A representante do caucus latinoamericano no foro arremeteu contra as corporacións multinacionais, que se instalan nos países do Sur para satisfacer os seus antollos de petróleo, auga e madeira. "Invadiron os territorios indíxenas, violaron de maneira sistemática os dereitos dos pobos, son os responsábeis do cambio climático... e falan agora de economía verde?", preguntou, de modo retórico, Hidalgo.

A sesión anual do foro ten como tema principal A doutrina do descubrimento e a súa repercusión duradeira nos pobos indíxenas e o dereito a recibir reparación por conquistas do pasado. O punto forma parte da Declaración da ONU que sobre esta cuestión foi adoptada en setembro de 2007 pola Asemblea Xeral e que recoñece a reparación que merecen os pobos espoliados pola conquista e a colonización.

Alá por 1992 emprendeuse unha nova colonización, un 'segundo desembarco', coa consecuencia de que en menos dunha década unhas poucas grandes multinacionais controlan a economía dos pobos do Sur e a cuarta parte da global. En concreto, 8 empresas manexan o 80% da inversión estranxeira directa na última década. Os seus nomes son Repsol, Gas Natural, Iberdrola, Unión Fenosa, Endesa, BBVA, Banco Santander e Telefónica.

As elites do capitalismo cítanse en Río
Na mesma liña vén de pronunciarse o movemento campesiño internacional, agrupado baixo o paraugas da Vía Campesiña. Denuncian que na Conferencia sobre Desenvolvemento Sustentábel Río+20 --promovida polas Nacións Unidas-- "só terán cabida os intereses das grandes corporacións e servirá para consolidar falsas solucións e a apropiación dos territorios tradicionais dos pobos".

Perante este panorama, a organización chama a preparar loitas coordinadas durante o mes de xuño, dando especial énfase ao día 5, xornada internacional do Medio Ambiente, co obxectivo de enviar desde todos os recunchos do planeta unha mensaxe "contundente" aos líderes que se xuntarán en Río de Janeiro --Brasil-- do 20 ao 22 de xuño.

Máis en Mundo
Comentarios