AUTODETERMINACIÓN

A mediación exipcia facilita un acordo para pór fin á folga de fame d@s pres@s palestin@s

Ao redor de 1.600 activistas atópanse desde mediados de abril nunha folga de fame indefinida para protestar polas duras condicións nos cárceres israelís. Mediador@s de Exipto veñen de facilitaren un acordo que inclúe a aceptación das demandas d@s pres@s en troco de remataren a protesta

A mediación exipcia vén de facilitar un acordo que permitirá pór fin á folga de fame que mantiñan ao redor de 1.600 persoas activistas palestinas encarceradas en prisións israelís, segundo informaron fontes próximas á negociación e segundo recolle a prensa internacional: "Exipto pechou un acordo para resolver a crise dos presos, que inclúe a aceptación por parte de Israel das demandas dos prisioneiros en troco de poren fin á folga de fame".

Un terzo das 4.800 persoas presas palestinas en Israel iniciaron unha folga de fame a mediados de abril en protesta polo réxime de detención administrativa que permite o seu encarceramento indefinido sen xuízo e para reclamar melloras nas súas condicións de vida, como a ampliación das visitas familiares e o fin do réxime de illamento solitario.

A mediación exipcia reuníuse coas persoas encargadas da negociación palestina en nome do colectivo de pres@s, e faltan por ultimar con elas os detalles para a posta en práctica do acordo. As autoridades israelís aínda non se pronunciaron. Entrementres, o presidente da autoridade palestina, Mahmud Abbas, alertou onte do perigo de morte de dous homes que levan xa 77 días en folga de fame.

Máis en Mundo
Comentarios