Viaxe até o Vietnam da man do escritor Cesáreo Sánchez e o seu 'Caderno de Mekong'

"Cando comecei a escrita do Caderno do Mekong fíxeno como gratitude a un pobo que me axudou a ter conciencia antiimperialista e concretala na realidade da miña nación". Eis aquí a crónica


Ao atravesar o Rio Mekong no transbordador que xungue as dúas orelas dunha galla do grande rio e as súas augas barrosas, pensei en Marguerite Duras cando coñeceu o seu amante chinés que tiña, aínda os chineses teñen no mercado de Cholóm comercios de seda. 

Aínda que as cicatrices no corpo desta terra son evidentes, é difícil maxinar que este paraíso terreal puidera soportar tanta dor e destrución. Cando viaxei pola fermosisima terra de Vietnam magoábame relembrar a guerra ao tempo que camiñaba o seu lizgairo corpo de cabaliño de mar que arrecende a branca flor de loto, onde cantan os paxaros cun tremente canto asubiado. 

Andando a terra de Ho Chi Ming

Segundo fun avanzando no coñecemento desta terra fun coñecendo a figura de Ho Chi Ming e pareceume unha figura excepcional na súa humanidade, na súa intelixencia e no coñecemento da cultura do seu pobo. So así é posíbel que fose e sexa tan tan amado como aínda hoxe é. El soubo acrisolar a cultura e o pensamento do seu pobo, sabía da súa relixiosidade. Como poeta conmoveranme na miña mocidade os seus poemas do Diario do cárcere.

O revolucionario, o Xefe do Estado da Republica Democrática do Vietnam do Norte teñen ocultado a súa personalidade como poeta. Os seus poemas foron escritos nas cárceres de Chang Kai Shek, nos anos 1942-1943.

Foron escritos en ideogramas chineses. Morou nunha casa de madeira feita coa sabedoría dos labregos para tornar a calor tropical. Non quixo vivir no pazo presidencial e xantaba no comedor dos traballadores do ferrocarril. Morreu sen poder viaxar de retorno ao seu amado Sur unificado e independente, onde el nacera e de onde era o seu pai, un mandarín antiimperialista que loitou contra o colonialismo francés.

A única estatua que ollei ao longo de todo o Vietnam está na cidade que leva o seu nome. Está sentado compartindo a lectura dun libro con rapaces. Nos longos anos de guerra os nenos e nenas, a súa educación a súa seguridade, o seu futuro de liberdade foi a súa grande preocupación. Aprendeu da sabedoría dos anciáns e soubo ler e interpretar a alma colectiva do seu pobo. Os combatentes que tomaron Saigón, levaban nun tanque unha pancarta que dicía: Ti camiñas sempre connosco Tío Ho.  

A morriña dos combatentes que non interesa aos EEUU

Moitos dos combatentes fixeron diarios, coma Ho Chi Min, que os militares dos EEUU lian buscando datos. O único que dicían era o moito que botaban de menos aos seus seres amados e o soño de retornar á súa aldea natal onde arrubiaban as doces cereixas e se espellaban nas augas enchoupadas os renovos de arroz antes de seren transplantados.

A enfermeira  Dang Thuy Tram, conta no seu diario como traballaba nun hospital da xungla e como despois de sandar os feridos, daba aulas ás futuras enfermeiras. Magoábase polo seu amor non correspondido. O diario acaba cando o seu corazón mancado de amor ficou roto para sempre por unha bala dun soldado dos EEUU.

As diferenzas entre Norte e Sur

Moita é a diferenza entre o Norte e o Sur, na súa historia e na súa cultural. O Norte ten catro estacións, e o Sur só dúas: a seca e a das choivas. O Norte é herdeiro da cultura chinesa e o Sur da cultura Kemer, como a Camboxa. Xunguidos pola dor da guerra nas súas mais diversas e crueis formas.

Morreron cinco millóns de vietnamitas e foronlles arroxadas máis bombas que en toda a II Guerra Mundial, aparte dos axente laranxa e do napalm. Loitaron ate a morte pola súa reunificación e súa independencia coma unha soa nación, coma un só pobo constituído por cincuenta e unha etnias, Nam, K´Dong, Kor, Ba Na, Bo Y, Cham, Cho Ro Cong, Co Lao, Gia Rai, Hoa, Khang... nas que a etnia Viet é maioritaria.

O seu patrimonio histórico foi destruído nun 75 %. Na ofensiva do Tet, tendo case que tomada a cidade imperial de Hue, en batalla feroz, abandonaronna para que a aviación deixara de destruír a cidade e con ela a memória histórica de Vietnam. Hoxe segue a ser restaurada, nas orelas do Rio do Perfume onde navegan os barcos con duas proas con cabezas de dragón.

A sabedoría das minorías étnicas

Respectándose sempre as minorías que aportaron tanta sabedoría coa súa loita de autodefensa nas aldeas. As tribos da montaña ou da xungla aportaron a utilización das técnicas de caza e de defensa das feras para se defender dos colonizadores que viñan da Francia ( chegaron a ter guillotina móbil ) e mais dos EEUU, xa con experiencia nas practicas xenocidas nas colonias da África e no exterminio das tribos dos indios, orixinarias da chamada América do Norte

"Cando comecei a escrita do Caderno do Mekong fíxeno como gratitude a un pobo que me axudou a ter conciencia antiimperialista e concretala na realidade da miña nación"

Cando comecei a escrita do Caderno do Mekong fíxeno como gratitude a un pobo que me axudou a ter conciencia antiimperialista e concretala na realidade da miña nación. Cando os ollos deste viaxeiro foron da montaña ao mar, da fronteira de Laos á baia de Ha Long  ou do Rio Vermello ao rio Mekong, foron sentindo a alma heroica deste pobo.

Descendendo paralelamente ás grandes montañas de Truong Son, fronteira con Laos, por onde transcorría a ruta Ho Chi Ming, ollanse os eidos de arroz salferidos no acó e no acolá de pequenas tumbas familiares e de cemiterios construídos polo goberno de Vietnam ao longo de toda a guerra, para darlle sepultura aos combatentes mortos que, compañías especializadas do exercito regular do Fronte Nacional de Liberación, recuperaban das entrañas da xungla para os soterraren  nas súas aldeas natais e que os seus familiares puidesen irlle a ofrecer flores e as súas ofrendas.

Conmovéronme os pequenos cemiterios que conviven hoxe co canto dos labregos que traballan nos eidos de arroz, hoxe xa sen fusil ao lombo.

Un bocadiño de historia

A Primeira Guerra de Resistencia dirixida polo Viet Minh,  e despois de vencer en Dien Vien Phu, acabou cos Acordos de Xenebra (1954) A disciplina de non violencia dos vietnamitas, entre os anos 1954 e 1959, custou moitas vidas polo incumprimento do exercito invasor dos EEUU e os seus gobernos titeres de Bao Dai/Ngó Dina Diem, aniquilando poboación desarmada.

"Traballábase preparándose para a paz, implantando a reforma agraria, alfabetizando, construíndo a sociedade socialista do futuro"

Foi prohibido falar de paz e de reunificación: Torturas e mortes seguiron á campaña 'Denunciade os comunistas' no que todo o que tiña relación directa ou indirecta co Viet Minh foi represariado con crueldade e era nomeado coma Viet Cong.  Foi polo que o Sur, organizouse de novo na Segunda Guerra de Resistencia para se defenderen dos EEUU. Así, ex-viet min, patriotas, militantes do partido comunista de Vietnam, labregos da chaira e labregos das etnias das montañas, e combatentes da primeira guerra de resistencia, mobilizáronse e fuxiron aos bosques formando parte da Fronte de Liberación Nacional que nace a finais do ano 1960, no que a participación das mulleres combatentes é masiva. 

Cando as escolas son semente de revolución

A economía, a defensa da cultura, a guerra, todo tivo unha dirección política. Facíase a revolución no ensino e na sanidade ao tempo que se facía a guerra. Facíase no Norte e facíase en zonas liberadas do Sur. Traballábase preparándose para a paz, implantando a reforma agraria, alfabetizando, construíndo a sociedade socialista do futuro. Todo o pobo vietnamita participou na guerra e todo o pobo vía no presente como era a construción da sociedade futura.

O FLN estruturouse para facer a loita político-militar,  e a el incorpóranse todas as tendencias políticas, relixións, sectas relixiosas, fraccións de clase , intelectuais , comerciantes, constituíndo órganos político-militares. Confluíron tres formas de exercito dentro do FLN. De feito asi implicaron a todo o pobo na guerra de independencia. Formáronse  nas aldeas de todas as etnias, na chaira, na montaña e na xungla Unidades de autodefensa, para que non se acercaran ás súas aldeas.

Os Grupos locais de guerrilla tiñan xa unha organización máis estábel e eran labregos de dia e partisanos de noite e  logo estaba o propiamente dito Exercito regular , que facía accións de envergadura cunha incorporación masiva de labregos e combatentes do Sur e do Norte. Crearon hospitais na xungla que movían con frecuencia de lugar.

Descentralizaron as escolas ás aldeas, descentralizaron a industria fora das cidades para que non puidera ser bombardeada. Descentralizouse a universidade que, en concreto a sanidade, tiña a súa actividade nos hospitais que estaban na xungla, onde operaban coa luz de xeradores que movían bicicletas.

Incorporouse á sanidade toda forma de medicina popular que practicaban as menciñeiras das etnias. Incorporáronse os seus métodos anticonceptivos na planificación sanitaria e familiar. 

As mulleres, salvagarda da tradición e da cultura

É fermoso ver hoxe polas rúas de Hanoi e nos barrios mais populares de Saigón ( Cidade Ho Chi Min ), ás mulleres das mais diversas etnias belas e elegantes coas súas roupas tradicionais, cos seus tocados tamén a cores, aínda que é maioritario o Ao Dai, que é pantalón e un vestido longo ou túnica aberta dos dous lados.

"O Norte é herdeiro da cultura chinesa e o Sur da cultura Kemer, como a Camboxa"

As minorías étnicas que vivían na xungla e nas montañas das terras centrais de Vietnam e na  fronteira con Laos, son moi moi importantes para entender a historia de liberación do Vietnam. Aínda que eles so querían autodefenderense, e non atacaban a ninguén, súa colaboración cos combatentes foi total.

Eles foron tamén combatentes na súa autodefensa, tanta que o exercito norteamericano despois de os aniquilar todo o que puideron, cercándoos por fame, retirándolles o sal, matándolle os bufalos e queimándolles as colleitas que eran o seu sustento diario. 

Onde o imperialismo meteu a man

O exercito dos EEUU construíu poboacións para os segregar, como tiñan feito coas tribos indias na Norteamerica. Leváronnos da montaña á chaira. Mais a cousa non lles funcionou, ate o punto de que as vilas-apartheid,  estaban cheiñas de organizacións clandestinas, sobre de todo de mulleres, que conseguían desmobilizar aos soldados survietnamitas.

Querían segregar ás etnias das forzas organizadas da resistencia, separalas do FLN. Mais eles comezaron a protexer as súas poboacións con técnicas de caza dos M´non, cazadores de elefantes. So daban as claves para non caeren nas trampas aos combatentes, ao Viet Com. 

"As minorías étnicas que vivían na xungla e nas montañas das terras centrais de Vietnam e na  fronteira con Laos, son moi moi importantes para entender a historia de liberación do Vietnam"

O xeito de ser dos vietnamitas moito ten que ver coa súa relixiosidade. Sería longo de explicar. Os combatentes que mataban a soldados iankis en lexitima defensa,  buscaban logo a purificación e traballaban en contacto coa natureza.  O FNL, salvo a criminais evidentes, procuraba non matar aos soldados vietnamitas do Sur, ao fin e ao cabo irmaos. 

A Saa do Réquiem do Museo dos crimes de guerra  de Cidade Ho Chi Min están expostos todos os recortes da prensa internacional que publicaba as evidencias do xenocidio e en especial a do estudante  pacifista Norman Morrison que se inmolou diante do Pentágono. Emociónanse ao falar deste xesto de solidariedade no momento importante no que aconteceu. Non era demagoxia cando Ho Chi Min dicía que se lembraba da dor das nais dos soldados iankis mortos, fillos da clase obreira .

A lingua do Vietnam: "cando falan, todo é canto"

A lingua de Vietnam foille dada grafía romanizada polos cregos cristiáns franceses, coa perda de parte da súa tradición. Ás etnias ás súas linguas só orais foilles dada escrita. Aquí víase a lucidez de Ho Chi Ming. Cando falan, todo é canto. Conmove poder escoitar á poeta  Nguyen Bao Chan, filla dun combatente do Vietcong, cando lee o poema ás maos do seu pai morto, cando a protexía dos bombardeos sendo meniña.

O Idioma é tan fermoso como escoitar tocar o doce monocordio, o Dan Bau,  coa súa única corda, e o seu longo laio emocionado ou o repenicar das gotas da chuvia do monzón nos leves impermeábeis, cada dia á mesma hora baixo a mesma luz. Escoitar a chuvia na súa intensidade, auga fértil na súa teimuda mansedume onde xogan hoxe os nenos coas súas bicicletas, nas rúas feitas arrollada.

Gardo de Vietnam os seus amenceres onde os mais vellos fan a danza  para recibir á maña. É terra de poetas. Gardo as imaxes das gallas do delta do Mekong ao navegar os seus mangles.

Remeiras que reman cos pés  e sorrín con sorriso de seda leváronme ao Templo do Perfume. Escoitar ao silencio nos anoiteceres na baia de Ha Long, onde os deuses nacen e gardan os soños dos humanos.

A da Galiza e a do Viet Nam, badeiras irmás

Sentir claustrofobia estarrecedora na galerias de Cu Chi, onde as combatentes daban a luz e entregaban os seus fillos nas aldeas aos familiares e con quen non sempre volvian a se reencontar con eles, xa de rapaces .

Traio comigo a camisa de seda que un obradoiro de rapazas mancadas polo axente laranxa, confeccionou para min e que gardo para estrear cando acabe de escribir e publique o meu Caderno do Mekong.

"Gardo de Vietnam os seus amenceres onde os mais vellos fan a danza  para recibir á maña. É terra de poetas"


Vietnam: Paraiso, Terra de dor  e ledicia, irmá da patria miña que foi liberada para dar ao ser humano exemplo de dignidade porque, como deixou escrito o amado Novoneyra: a forza do amor do pobo vietnamita pola súa patria non foi inútil.

Levei comigo o seu poema Vietnam Canto e troixenlle ao seu fillo Uxío Novoneyra, a bandeira heroica do Viet Nam, vermella coas súa estrela dourada de cinco puntas, irmá da estrela vermella que tingue a bandeira da miña patria que algún día será terra liberada.

Máis en Mundo
Comentarios