'As guerrillas galegas ao descuberto'

Eliseo Fernández: “O monte estaba cheo de guerrilleiros de extracción libertaria”

Eliseo Fernández é un dos investigadores de referencia para todo o referido á memoria democrática galega. Autor de abondosos traballos sobre o movemento obreiro na Galiza anterior a 1936 e de múltiples estudos sobre a represión e a resistencia ao franquismo na Galiza. A sexta feira achégase en Nós Diario a participación dos anarquistas na guerrilla galega

Eliseo Fernández
photo_camera Eliseo Fernández.(Foto: Nós Diario)

Que papel xogaron os militantes libertarios nos primeiros momentos da resistencia armada e no proceso de organización dos fuxidos?

A militancia libertaria xogou un papel destacado na maioría das localidades onde a resistencia ao golpe militar foi máis importante. Así aconteceu na Raia Seca ourensá, en Tui, Vigo, Vilagarcía, Noia, Compostela, A Coruña, Betanzos, Ferrol, Cariño ou Viveiro, entre outras localidades. A forza sindical ía acompañada neses casos por unha grande combatividade e tamén por certa preparación no que se dera en chamar “ximnasia revolucionaria” nos movementos insurreccionais de 1933. A represión atinxiu principalmente á militancia máis combativa, e por iso que as organizacións libertarias continuaron desangrándose nos intentos de resistencia clandestina: artellando fuxidas por vía marítima, organizando levantamentos en cuarteis ou traballando na reorganización de grupos de fuxidos.

En certa medida, existiu un efecto de desgaste da primeira liña da militancia libertaria a partir do golpe militar, como exemplifica o grupo de militantes encabezados por José Moreno Torres, que loitaran na rúa nos primeiros días do golpe, despois fuxiron por vía marítima cara a Asturias e finalmente foron asasinados en outubro de 1937 no Acebo-Fonsagrada, cando retornaban a Galiza tras a perda de Asturias. Se non tiveran sido eliminados nesa altura probabelmente terían xogado un papel similar ao que desenvolveron en Ourense outros combatentes chegados coa caída de Asturias.

As primeiras estruturas guerrilleiras galegas están asociadas a nomes de antigos militantes da CNT como “Curuxás” ou Neira, trátanse de casos illados ou hai máis exemplos semellantes?

En case todas as zonas onde se conformaron grupos de resistentes que pasaron a accións de tipo ofensivo existía unha presencia libertaria; foi así na zona de Cambre, no Salnés, tamén no Eume, na Mariña  ou nas terras do Bierzo. O propio “Foucellas” fora militante da CNT, aínda que é verdade que posteriormente non parece que tivera ningún vencello coas organizacións libertarias. Malia todo, entendo que a contribución anarquista non era unicamente a destes militantes de sona, senón sobre todo a presencia no monte dunha chea de guerrilleiros de extracción libertaria, que despois tomaron camiños moi diversos.

Cumpre lembrar ademais que nas organizacións libertarias non foron comúns as campañas de enaltecemento dos militantes, por mais que algúns deles, como o “Curuxás” actuaran clandestinamente por máis de 30 anos, algo que contrasta coa glorificación doutros guerrilleiros que con menos de cinco anos de loita na Galiza son hoxe moito máis coñecidos.

A presenza de militantes libertarios foi importante na Federación e tamén  no Exército Guerrilleiro, como foi a convivencia con estes últimos no seo das agrupacións a partir da nova liña imposta por Gayoso e Seoane?

 Existiron bastantes militantes anarquistas que continuaron activos na guerrilla no Exército Guerrilleiro, malia que non participaban da orientación comunista desta organización. Foi o caso de Abelardo Gutiérrez Alba, de José Pedreira de la Iglesia ou de Amador Domínguez Pan, entre outros. A súa convivencia foi inicialmente boa na medida en que partillaban a loita cos mesmos compañeiros cos que tiñan combatido anteriormente na Federación ou nos grupos de fuxidos. Mais a medida que chegaron novos dirixentes comunistas desde o exilio, con novas orientacións tácticas e métodos propios do estalinismo, foron postos baixo sospeita ou mesmo eliminados. No mellor dos casos, algúns puideron marchar cara ao exilio na fase final da loita guerrilleira.

Ao tempo que se desenvolve a actividade guerrilleira, unha parte dos cadros libertarios levan adiante un traballo de reorganización da CNT, cando se pode falar dunha nova CNT estruturada na Galiza e cos seus órganos de dirección funcionando?

Resulta difícil marcar unha data exacta para a reorganización, pois non foi uniforme nas localidades onde se produciu nin tivo a mesma continuidade. Podemos dicir que a partir de 1941-1942 comeza a existir unha CNT forte na cidade da Coruña, que nos dous ou tres anos seguintes consegue estenderse por Santiago, Vigo, Vilagarcía, Tui, Ferrol, Lugo, e mantén un contacto fluído co Comité Nacional da CNT e mesmo co exilio, a través de militantes como Manuel Amil, Juan García Durán ou José Penido. Froito da súa actividade foron algúns gromos de activismo sindical como a “folga do aceite” no naval ferrolán en 1946, e o artellamento da única plataforma antifascista de carácter aglutinadora de todas as tendencias do antifascismo, que foi a Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas.

Todo este conglomerado caeu en 1947 e malia que pequenos grupos continuaron funcionando na Coruña, Ferrol, Vigo e Ourense, non existiu relación entre as diversas localidades e foi desaparecendo o traballo sindical ou político por algúns anos.

Como foi a relación entre os militantes libertarios que facían parte da guerrilla e as dirección das organización libertarias, neste caso da CNT?

A CNT tomou partido por unha estratexia de restauración democrática co apoio das potencias occidentais, para a que a loita guerrilleira non representaba un papel fundamental. Pola contra moitos militantes anarquistas, desde as súas propias conviccións e de acordo coa súa traxectoria  persoal, formaron parte das organizacións guerrilleiras. Diante desta clara diverxencia, non existiu un enfrontamento nin un debate -para o que non se daban as condicións- entre os guerrilleiros libertarios e a organización, senón que máis ben se deu unha certa incomunicación e incomprensión. Ilustra esas dificultades o feito de que o guerrilleiro libertario coruñés José Pedreira de la Iglesia toma contacto coa organización para tentar organizar unha guerrilla libertaria, mais finalmente esta proposta non foi asumida pola CNT coruñesa.

comentarios