Morreu aos 99 anos un dos grandes símbolos da loita anarquista na Galiza

Joaquina Dorado: marcha a nosa memoria rebelde

Joaquina Dorado, a suxeitar un bolso, entre Eduardo Pons e Colette Durruti, nunha homeanaxe a Buenaventura Durruti
photo_camera Joaquina Dorado, a suxeitar un bolso, entre Eduardo Pons Prades e Coletti Durruti, nunha recente homenaxe a Buenaventura Durruti

Na madrugada do 15 de marzo faleceu en Barcelona, aos 99 anos, a anarquista coruñesa Joaquina Dorado Pita. Como tantos homes e mulleres galegas do seu tempo, Joaquina tivo que marchar fóra da Galiza, para destacar primeiro na emigración en Catalunya, despois no exilio en Francia, como sindicalista e revolucionaria. Aínda que na nosa terra o horizonte dunha revolución socialista estivo lonxe de materializarse, si que existiron galegos e galegas que, como Joaquina, deron en participar en movimentos revolucionarios polo mundo adiante. Para as persoas que temos interese na historia social do país, a figura de Joaquina Dorado é ademáis unha das últimas referencias dunha xeración que pouco a pouco nos foi deixando e que tanto botamos de menos: as mulleres e os homes que traballaron colectivamente a prol dunha revolución social que fixera posible unha sociedade máis xusta e solidaria.

Nacida en 1917 no bairro coruñés de Santa Lucía, de familia republicana, Joaquina viviu na súa mocidade en Vigo, onde mesmo foi testemuña do atentado de dous militantes anarcosindicalistas contra Valentín Paz Andrade, no marco da folga dos mariñeiros vigueses contra a patronal pesqueira. Asentada coa súa familia en Barcelona, foi alí onde Joaquina comezou a traballar de tapiceira e a militar sindicalmente na CNT, na altura de 1934. 

Cando tivo lugar a sublevación militar, tomou parte na resistencia popular nas rúas da capital catalana e posteriormente tivo responsabilidades na experiencia revolucionaria de colectivización do ramo da madeira. Cumpre lembrar que Joaquina tivo cargos directivos no Sindicato da Madera de Barcelona, sendo así que foi unha das poucas mulleres que ocupou responsabilidades en organizacións masculinas, e que o fixo nun dos organismos populares máis numerosos dos existentes na zona republicana: o sindicato da madeira era daquela unha organización que agrupaba a milleiros de homes e que levaba adiante un programa socialista como poucas veces se tiña visto no mundo.

Cumpre lembrar que Joaquina tivo cargos directivos no Sindicato da Madera de Barcelona, sendo así que foi unha das poucas mulleres que ocupou responsabilidades en organizacións masculinas

Na defensa daquela nova sociedade que o movimento libertario comezaba a construir, Joaquina participou nos combates dos chamados “sucesos de maio” de 1937, como integrante do grupo anarquista “Luz y Cultura”. Derrotada primeiro a revolución e despois a guerra, Joaquina tivo que pasar ao ingrato exilio, onde non esqueceu o seu compromiso militante. 

Nos anos 40 Joaquina estivo fortemente implicada nas actividades de reorganización clandestina e de guerrilla urbana, e retornou clandestinamente a Catalunya participando no grupo “Tres de Mayo” primeiro, e no Movimiento Popular de Resistencia (MPR), despois; naquela militancia clandestina coincidiu co anarquista arxentino de orixe galega Raúl Carballeira (Buenos Aires, 1918-Barcelona, 1948), morto no combate antifranquista, e co ourensán José Iglesias Paz (Lobios, 1916-Ourense, 2006), secretario de xurídica do comité da CNT clandestina. En 1948 foi detida e, despois de ser torturada durante oito días, pasou a cumprir condena na prisión de Les Corts, na que estivo intermitentemente até o ano de 1954. En libertade condicional, houbo de cruzar clandestinamente a fronteira xunto ao mítico guerrilleiro Quico Sabaté e o guerrilleiro leonés Amadeo Ramón Valledor, pasando a establecerse en Francia co seu compañeiro Liberto Sarrau. No exilio francés Joaquina traballou como costureira e planchadora e viviu en París até o ano 2006, cando (xa falecido o seu compañeiro Liberto Sarrau) retornou definitivamente a Barcelona. 

JD_co_historiador_anarquista_Victor_Garcia_en_ParisModesta e prudente, Joaquina non era de moito falar da súa militancia clandestina, mais aínda así era completamente consciente da importancia de transmitir a súa experiencia: foi así como a súa testemuña apareceu, convenientemente ocultada baixo seudónimo, en obras como La guerrilla urbana en España: Sabaté de Antonio Téllez Solá ou El secuestro de la hija de Franco, de Joan Llarch; Eulalia Vega fíxolle varias entrevistas que logo formaron parte do seu libro Pioneras y revolucionarias; e Joaquina participou coa sua presenza e a súa testemuña nas homenaxes ás mulleres galegas que a Xunta organizou en Compostela e na Illa de San Simón nos anos 2007 e 2008. Nos inicios do século XX Joaquina entregou o seu arquivo persoal e o de Liberto ao Instituto de Historia Social de Amsterdam, onde se conserva xunto aos fondos máis importantes sobre a historia do açnarcosindicalismo internacional, como o de Louise Michel, Bakunin, Emma Goldman ou Max Nettlau. Parte dos fondos da Asociación Cultural y Ecologista Natura que Liberto e Joaquina tiñan fundado, foron entregados á Association Germinal de París e ao Centro de Estudios Libertarios de Lisboa, que en homenaxe a eles creou o Círculo Joaquina Dorado e Liberto Sarrau.

Se cadra por ser anarquista, se cadra por ser muller, Joaquina foi máis unha persoa de dar a batalla que de poñerse medallas. E así foi até a pasada semana, cando morreu con 99 anos, despois de perder un ril nos anos 50 e o outro hai uns pouco anos; aínda atada a unha máquina de diálise, Joaquina mantivo a súa actividade colaborando nas homenaxes que se facían a Buenaventura Durruti cada 20 de novembro no cemiterio de Montjuich ou chamando á unidade á militancia libertaria do presente. Quen tivemos a sorte de coñecela lembraremos sempre a persoa comprometida e honesta, a muller loitadora e sinxela que por case un século traballou incansablemente pola aspiración de construír un mundo máis xusto para homes e mulleres.

Na fotografía de abaixo Joaquina Dorado aparece co historiador anarquista Víctor García

Comentarios