luns 06.07.2020

Xosé Velo, un rebelde con causa

Primeiro foi o poeta e o dirixente xuvenil nacionalista. Despois o resistente antifranquista. A un tempo Carlos Xunqueira de Ambía, o comandante do Santa Liberdade. Sucédense os actos de homenaxe dun galego consecuente e sen concesións.
Congreso Galego da Emigración en Bos Aires en
1956. De esquerda a dereita: Alberte Vilanova, Mariví Villaverde, Rafael Dieste, Xerardo Álvarez Gallego, Marcial Fernández, Carmen
Soler, Núñez Bua, Ramón Baltar, Francisco Comesaña,
Rodríguez de Bretaña, Xavier Bóveda, Vicente Gómez
Paratcha, Blanco Amor, Xosé Velo, Lois Tobío, Luís Seoane e Laxeiro.
Foto Fondo Ben-Cho-Shey. Deputación de Ourense
Congreso Galego da Emigración en Bos Aires en 1956. De esquerda a dereita: Alberte Vilanova, Mariví Villaverde, Rafael Dieste, Xerardo Álvarez Gallego, Marcial Fernández, Carmen Soler, Núñez Bua, Ramón Baltar, Francisco Comesaña, Rodríguez de Bretaña, Xavier Bóveda, Vicente Gómez Paratcha, Blanco Amor, Xosé Velo, Lois Tobío, Luís Seoane e Laxeiro. Foto Fondo Ben-Cho-Shey. Deputación de Ourense

Naceu á vida pública galega nos albores da II República. Con só 16 anos, en 1932, a carón do poeta Celso Emilio Ferreiro e de Clodomiro Rodríguez Prenta, cunha vida enteira dedicada a Galiza, participou na fundación das Mocidades Galeguistas de Celanova, as mesmas que nas páxinas do xornal A Nosa Terra afirmábanse como "os primeiros entre os primeiros que queren dar o seu sangue e a súa liberdade pola causa, cheos de impaciencia e fervor patriótico, pola hora da acción".

Fixo parte daquela xeración de ouro esmagada polo fascismo. Secretario xeral das Mocidades Galeguistas, membro da súa dirección executiva nacional xunto a Celso Emilio Ferreiro, o alaricano Xosé Nogueiras e Vicente Bóveda, o irmán menor de Alexandre, Velo desenvolveu unha inxente actividade na expansión territorial, na axitación ao longo de toda Galiza e na clarificación ideolóxica e política. A súa madeira de líder non deixou indiferente ninguén.

Destacou pola súa oratoria aceirada e precisa para converterse de seguido nunha referencia inescusábel nos traballos de propaganda política. As páxinas da Fouce de Bos Aires ou do Guieiro deixaron testemuña dalgunha das súas intervencións públicas, sinalando, en relación cos comicios de máis de 4.000 persoas celebrado polas Mocidades Galeguistas en Celanova en 1935, que Xosé Velo "profire duras verbas en contra do noso opresor e di que para librar a Galiza da dominación española, hai que loitar con decisión e valentía e expor o peito ás balas".

A resistencia antifranquista

Xosé Velo sufriu a represión franquista e volveu á loita con máis folgos. Detido nos primeiros días do golpe franquista, alistado no exército fascista para fuxir dunha morte certa, desterrado na Guiné, após reiteradas tentativas de pasarse ao exército popular, instalouse en Vigo á volta de 1943, canda a súa compañeira e as súas fillas, onde tenta gañarse á vida cunha academia, asociado ao seu curmán Castor Velo Cobelas, tamén militante nacionalista e irmán do cineasta Carlos Velo.

Formou nas filas da resistencia contra o franquismo. A carón doutros membros do antigo Partido Galeguista, como Mariano Otero Castelao, o propio Castor Velo ou posteriormente Ramón de Valenzuela, tentou de reorganizar o nacionalismo na órbita da Unión Nacional, unha plataforma de oposición á ditadura impulsada e liderada polo Partido Comunista e loitou xunto a militantes desta organización contra o fascismo.

Marchou ao exilio fuxindo da represión da ditadura. O mes de marzo de 1945, un grupo de adherentes da Unión Nacional, entre os que se atopaban Manuel Fuente, Manuel Álvarez, Luís Loureiro ou Otero Castelao, que a raíz das torturas sufridas perdeu o bazo, son encarcerados na prisión da Coruña. Aproveitándose dun permiso penitenciario concedido polo réxime, Velo e Otero Castelao, antigo concelleiro do Partido Galeguista en Rianxo e curmán de Daniel, deciden fuxir a Portugal para posteriormente exiliarse en Venezuela.

O secuestro do Santa María

Xosé Velo participou do proceso de organización e mobilización das comunidades galegas de Venezuela. Membro da "comisión pro unidade", que aglutinou un colectivo moi dividido, presidente do Lar Galego, impulsor da emisora radial Sempre en Galiza e delegado de Galeuzca en Caracas, tomou parte nesa cidade en 1959 nun mitin canda o presidente vasco José Antonio Aguirre, onde afirmou que "Galeuzca declara a independencia das nacións galega, vasca e catalá".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

comentarios